Mosquera: “devolver os cadros do espolio nazi supón un desagravio fronte á barbarie”

O avogado do Estado polaco asistiu hoxe ao Pleno no que se aprobou a desafectación e a reposición do díptico da Mater Dolorosa e o Ecce Homo que están no Museo

09/09/2022

cadros museo restitución

O Pleno da Deputación aprobou hoxe por unanimidade a restitución por parte do Museo de Pontevedra ao Estado Polaco do díptico formada por unha Mater Dolorosa e un Ecce Homo, logo de demostrarse que a orixe das obras estaba relacionada co espolio nazi na II Guerra Mundial. O acto de desafectación e aprobación da devolución, segundo dixo o vicepresidente César Mosquera, supón “un desagravio fronte á barbarie”.

Co fin de certificar en persoa a aprobación da restitución, o Pleno contou coa asistencia do avogado do Estado Polaco Miquel Bordas, quen foi saudado persoalmente pola presidenta Carmela Silva, o vicepresidente César Mosquera, e boa parte da Corporación. Despois da sesión plenaria, Bordas foi acompañado polo director do Museo Xosé Manuel Rey e a responsable de xestión Sonia Mateos á sala na que se expoñen as pezas, confirmando que se trasladarán en vindeiras datas a territorio polaco.

O vicepresidente César Mosquera realizou na súa intervención no Pleno una defensa sentida da necesidade de restituír dignidades fronte a momentos de horror e abusos. Segundo lembrou o nacionalista, a Deputación “por desgracia” ten tamén unha historia relacionada coas aldraxes.

O nacionalista destacou que no salón de plenos provincial “a barbarie do golpe do Estado do 36 fixo o ‘paripé’ de xulgar a Bóveda e outros para matalos uns días despois”, e  o edificio do lado, que nacera como escola de mestría, foi cárcere: “A barbarie pasou por riba e usou a institución para executar os seus actos execrables”. Pola contra, subliñou que “aquí tamén neste Pleno, fíxose un acto de desagravio concedendo a medalla de ouro a Alexandre Bóveda. Non se lle puido recuperar a vida, pero si que se fixo o desagravio”, dixo.
 
Facendo un paralelismo, Mosquera destacou que “o estado polaco, a súa sociedade, coa invasión nazi tamén tivo e padeceu a barbarie que supuxo o fascismo, moi análogo o que pasara uns anos antes aquí”, e insistiu que a aprobación no Pleno da devolución dos cadros “é tamén un acto de desagravio da barbarie e ten unha connotación especial”.

“Agradecín moitísimo que na comisión este punto fora ditaminado por unanimidade”, subliñou o vicepresidente, que se amosou satisfeito pola votación de toda a Corporación no mesmo sentido.

Fixo unha aclaración de tempos pola tardanza da devolución. Indicou que cando se tivo “a constatación fidedigna, clara, e ben establecida” de que os cadros foran espoliados a vontade da Deputación foi devolvelos canto antes mais houbo un incidente xurídico sobre a propiedade, no sentido de que alguén reclamou que era herdeiro particular, polo que houbo que aclarar ese extremo.

“De non ter que aclarar iso xa estarían devoltos. Tivemos que cubrir as costas. A Deputación demostrou toda a súa vontade de devolver os cadros incluso gratuitamente a pesares de que ten dereito a xustiprezo, porque non é a cuestión económica, senón o valor simbólico, e resulta que despois podiámonos meter en pleitos con responsabilidade. Iso está aclarado con informes e ditames e hoxe é un día que nos honra a todos por colaborar”, salientou.

O nacionalista finalizou a súa intervención asegurando que en xeral “os espoliados teñen moitas dificultades de recuperar as obras que lles foron espoliada. Este non é o caso. Dende o primeiro día intentamos dar todas as facilidades porque consideramos que é de xustiza un desagravio ao pobo polaco e ás obras de arte polo que sufriron nos anos 40 coa invasión nazi”.

Intervención íntegra do vicepresidente César Mosquera sobre a devolución, dispoñible en https://www.youtube.com/watch?v=UO4xtkGDfdw (dende minuto 25.22).

 

Galerias de imaxes

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 7 resultados.