A Deputación aprobará este venres en Pleno a restitución dos cadros polacos espoliados polos nazis que se atopan no Museo

O expediente para a devolución xa foi aprobado nas comisión informativas pola unanimidade dos grupos da Corporación

07/09/2022

A Deputación de Pontevedra vai aprobar este venres en Pleno a restitución do díptico Mater Dolorosa e Ecce Homo que foran espoliados polos nazis e se atopan no Museo de Pontevedra. O trámite será o punto final das xestións provinciais e efectivizará a vontade que dende o primeiro momento manifestou a institución museística de devolver a obra aos seus lexítimos propietarios.

O trámite no pleno será meramente burocrático, posto que o expediente xa foi tratado e aprobado por unanimidade dos grupos da Corporación nas Comisións Informativas da Deputación celebradas esta semana. Unha vez certificada a resolución plenaria o Museo porá ambas pezas a disposición da autoridade central do Ministerio de Cultura e Deporte do Estado Español, e esta deberá comunicar o acordo ao Estado polaco para facer a entrega e finalmente traladar as pezas ao seu territorio.

Segundo subliña o vicepresidente César Mosquera, a devolución demorouse máis do previsto ante a reclamación da obra non só por parte do Goberno polaco senón tamén pola familia que se considera propietaria lexítima. Finalmente, todos os informes xurídicos de diferentes administracións así como de consultoras privadas solicitados polo Museo confluíron en que o procedemento correcto era restituír os cadros ao Estado polaco para que este, posteriormente, delimite a propiedade dos bens rexéndose pola súa lexislación interna.

O vicepresidente lembrou que a noticia da identificación do díptico como ben espoliado xurdiu durante o confinamento pola pandemia cando Mariusz Wiśniewski, do Departamento de Patrimonio Cultural do Ministerio de Cultura e Patrimonio Nacional de Polonia, contactou co Museo de Pontevedra. Segundo a documentación que aportaba, as dúas pezas pertencían á Colección Czartoryski en Gołuchów que fora roubada polos alemáns durante a Segunda Guerra Mundial.

Ambas pinturas, tras saír de Varsovia en 1944, reapareceron no comercio de arte de Madrid en 1973. Despois, ingresaron no Museo como depósito do coleccionista José Fernández López e, desde 1994, son propiedade trala compra da súa colección (313 pinturas de autores e cronoloxías diversas) grazas á colaboración da Deputación de Pontevedra, a Xunta de Galicia e o Concello de Pontevedra. Descoñéceseonde e en que momento foron adquiridas por Fernández López, pero todo parece indicar que puido telo feito nun dos establecementos da familia Maragall, a Sala Parés de Barcelona ou a Galería El Cisne de Madrid, das que era cliente habitual.

O díptico estivo atribuído inicialmente ao pintor holandés Dieric Bouts (Ca. 1420- 1475), principal representante da Escola de Lovaina, mais finalmente aclarouse que foi pintado por algúen da súa eescola. Constitúe un bo exemplo dunha tipoloxía da que se conservan numerosos exemplares en museos e coleccións particulares, realizados tanto polo artista como polas persoas do seu taller e imitadores.

A súa valoración económica rolda os 23.000 euros cada unha, ao facer unha estimación en base ao prezo pagado por toda a colección Fernández López (600 millóns de pesetas).  En calquera caso, e a pesares do dereito a obter indemnización, a Intención da Deputación é realizar a cesión sen custe.

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 9 resultados.