Noticias

A oficina de turismo de Ribadumia recolle moi bos datos en relación coa afluencia de visitantes nos meses de maio e xuño


05 xullo 2019
Ribadumia
Ribadumia

Os primeiros datos estatísticos recollidos na Oficina Municipal de Turismo de Ribadumia recollen un total de 748 visitantes desde o 15 de maio ata o 30 de xuño, cun total de 41 días de rexistro en horario de martes a venres, de 9:30h a 13:30h e de 16:30h a 19:30h, e sábados, domingos e festivos de 9:30h a 13:30h.

Este ano é o primeiro en que se recollen datos completos deste período xa que a oficina permaneceu aberta desde a ponte festiva do 17 de maio e, aínda que por este motivo non se pode establecer unha comparativa con anos anteriores, os datos e as previsións son positivos, prevéndose un aumento das visitas en consonancia co que se espera para toda a comarca.

Dentro do perfil de visitante, neste período rexistráronse os seguintes datos:

  • O 40% foron peregrinos: 301 visitantes percorreron a Variante Espiritual do Camiño de Santiago.
  • O 27% foron turistas: 199 visitantes pernoctaron un mínimo dunha noite na comarca.
  • O 33% foron excursionistas: 248 visitantes que se achegaron a Ribadumia sen pernocta.

Dentro  da  procedencia,  os  visitantes  internacionais  foron  242,  un  32%  do  total,  e  os nacionais 506, un 68%. Estes datos confirman, ata o de agora, a tendencia do ano 2018 en que o turismo internacional tivo unha maior importancia nos meses non centrais do verán (setembro e outubro) chegando a un 36% do total de visitantes, mentres que foi sensiblemente inferior nos meses de xullo e agosto, un 14% e un 9%, respectivamente, cunha media de xullo a outubro do 18%.

Respecto do turismo nacional, a maior porcentaxe, un 54%, proceden da nosa comunidade autónoma (273), seguidos por Madrid (11%) e Castilla y León (7%).

Outro dato salientable deste período é que os peregrinos (o 40% do total de visitantes) foron nun 77% de procedencia internacional, sendo a primeira vez que Italia, con 58 visitantes (un 24%) supera  a  Portugal  (20%)  e  Alemania  (10%).  Aumenta,  así  mesmo,  o  número  de  visitantes procedentes   de   Norteamérica:   Estados   Unidos   e   Canadá   ocupan   o   4º   e   5º   lugar   con, respectivamente, un 7% e un 5% do total de visitantes de procedencia internacional.

Os principais recursos e productos demandados, aínda que encabezados pola Ruta da Pedra e da Auga e a Variante Espiritual, foron máis diversificados en maio e xuño, indo desde rutas de sendeirismo, en especial a Ruta do Umia, espazos naturais, lugares de interese patrimonial tanto en Ribadumia   coma   no   Salnés,   adegas   e   experiencias   enoturísticas,   festas   e   gastronomía.