Noticias

A orientación laboral, unha ferramenta para estancar o paro en Ribadumia


03 outubro 2018
Ribadumia
Concello de Ribadumia

O Concello de Ribadumia é un dos concellos da Mancomunidade do Salnés onde crece o paro, pero é de todos no que menos aumenta, con 3 novos parados, o que supón un 1,14%, segundo os datos publicados para o pasado mes de setembro. Estes mostran unha variación de 261 a 264 parados. Dos 9 concellos que conforman a Mancomunidade, Ribadumia é o 3º concello con menor número de parados, un 5,17% da poboación.

Para favorecer o control desta variación e evitar futuros incrementos, así como traballar para reducir a cifra total de parados, nos últimos días o Concello de Ribadumia puxo en funcionamento un novo servizo de Orientación laboral.

Dito servizo vaise centrar en favorecer a localización de ofertas de emprego, como xa se están publicando nos presentes días a través da plataforma omeuconcello.ribadumia.org, así como organizar diferentes cursos formativos fixándose nas demandas das empresas da zona, e outras accións como por exemplo para afrontar unha entrevista de traballo.

Todo isto tendo en conta os principais grupos de poboación afectados, que no caso de Ribadumia son homes e mulleres de máis de 25 anos, en entre estes, destaca a cifra de paro feminino.

Fixándonos por sectores os parados chegan dende os sectores de servizos e industria, sendo menos os que veñen de construción e agricultura. Datos todos eles importantes e que o departamento de orientación terá en conta para focalizar as súas accións e favorecer a inserción laboral destes veciños e veciñas. Así como tratar de colaborar co texido empresarial para crear formación axeitada as súas ofertas e tratar de cubrir estas demandas dende a propia localidade.