Noticias

A Piscina Municipal de Ribadumia abre as súas portas

O Concello de Ribadumia informa de que este sábado, día 22 de xuño, abrirase ao público a Piscina Municipal.


18 xuño 2019
Ribadumia
Piscina municipal

Todos os interesados poden acudir á Casa Consistorial a renovar ou solicitar o seu carné de acceso. Con este documento, as taxas polo uso da piscina serán de 1€ para toda a tempada para os veciños e veciñas de Ribadumia. No caso dos residentes noutros concellos, o importe ascenderá a 30€ ao mes para nenos e nenas ata os 9 anos e 50€ por mes a partir dos 10. En caso de non ter a credencial, os pequenos de ata 9 anos poderán acceder ás instalacións por 1,50€ ao día, 3€ no caso dos maiores desta idade.

Para solicitar o carné, os usuarios deberán aportar unha fotocopia do DNI, dúas fotos tamaño carné, unha fotocopia da tarxeta sanitaria, a súa dirección actual e un número de teléfono.

A piscina, situada nas instalacións náuticas de Cabanelas, permanecerá aberta dende o sábado e ata mediados de setembro, cun horario de 15:00 a 21:00 horas tódolos días da semana. Aínda que contará coa pertinente vixilancia de socorristas, os menores de 10 anos deberán ir sempre acompañados dun adulto.

Todos aqueles que precisen máis información, poden consultar o regulamento na plataforma online do Consistorio (omeuconcello.ribadumia.org) no "Portal de transparencia", apartado de "normativas, taxas e impostos"; chamar ao 986 71 84 91, ou achegarse ás oficinas do Concello, de luns a venres de 8:00 a 14:00 horas ou sábados de 9:00 a 13:00 horas.