Noticias

Aprobación orzamento 2019


06 setembro 2019
Ribadumia
Concello de Ribadumia

A proposta para orzamento do 2019 foi presentada e aprobada provisionalmente no Pleno ordinario que tivo lugar o pasado xoves 5 de setembro, co voto a favor de IR, a abstención de PP e PSdG-Psoe e o voto en contra de SR.

Este orzamento, que ascende a un total de 4.526.475€, supón un incremento de aproximadamente un 25% respecto do anterior, algo máis de 900.000€ que se prevé ingresar, fundamentalmente polas axudas conseguidas polo equipo de goberno a través do IDAE e do Deporemse e que van repercutir directamente nos investimentos reais que se van levar a cabo en beneficio dos veciños do Concello de Ribadumia.

Convén salientar no apartado dos gastos a contención levada a cabo desde o goberno municipal nas partidas de gasto corrente e persoal que, se ben se incrementaron ó redor dun 2%, o seu peso no conxunto do orzamento reduciuse de forma considerable: o gasto corrente representou no orzamento do 2018 un 44,95% do seu total e o gasto de persoal, un 34,64%; para 2019, estas porcentaxes reducíronse ata un 37,14% e un 29,54%, respectivamente.

Pola contra, a partida destinada a investimentos reais supuxo un incremento respecto a 2018 superior a un 14%, pasando de 534.508,53€ a 1.291.244,77€, un 28,53% do total do presuposto de gastos.

Respecto á distribución por áreas, é significativo o incremento nas partidas correspondentes ó alumeado público (supón un 22,10% do total do orzamento) e ás vías públicas e urbanas (un 16,65% do total), fundamentalmente polo importante investimento que o equipo de goberno está a realizar a través das axudas do IDAE e Deporemse.

Polo que respecta ás demais áreas, destacan Educación, Cultura e Patrimonio, cun 13,48% do orzamento total, Servizos Sociais cun 10,71%, Emprego cun 8,82% e Medio Ambiente e Parques e Deportes e Xuventude cun 7,72% e un 7,58% do total do orzamento, respectivamente, recolléndose ademais en todos os casos un incremento das partidas respecto do ano anterior.