Noticias

Nenas e nenos do CPI Julia Becerra Malvar visitan o Concello


16 abril 2018
Ribadumia
Actividades CPI

O Concello de Ribadumia informa de que, durante a xornada de hoxe, nenos e nenas de terceiro de primaria do CPI Julia Becerra Malvar realizaron unha visita pola casa consistorial de Ribadumia. Durante a actividade, os cativos pasaron polos diferentes departamentos do Concello, onde se lles foi explicando o funcionamento de cada un deles. Dende o rexistro á alcaldía, pasando por cultura, o xulgado de paz ou tesourería, as rapazas e rapaces formularon todas as súas dúbidas e tomaron boa nota do traballo que se realiza no Concello. Ademais, tiveron a oportunidade de estar uns minutos co alcalde, David Castro, e de ocupar os asentos dos representantes de Ribadumia no Salón de Plenos, onde se lles explicou a labor do rexedor e os concelleiros dos catro partidos políticos presentes na corporación municipal.

Trátase dunha saída que o CPI organiza case tódolos anos e que axuda aos pequenos a coñecer mellor o seu municipio, así como o funcionamento dos entes de goberno local.

Pero esta visita non é a única que teñen realizado os alumnos e alumnas do colexio de Ribadumia. As pasadas semanas foron moitas as actividades e excursións coas que os rapaces aprenderon, coñeceron lugares diferentes e se divertiron. Os cativos de terceiro de primaria, por exemplo, tiveron unha xornada de descubrimentos no Museo de Pontevedra, onde se trasladaron á prehistoria e antigüidade galegas. Ademais, puideron visitar os petróglifos de Campo Lameiro e, xunto aos nenos e nenas de segundo de primaria, acudiron ao Salón do Libro de Pontevedra. Os máis pequenos do cole, dos cursos de infantil, aprenderon a importancia das abellas en "Apípolis", e os de sexto visitaron os animais do refuxio de Cambados, co que colaboran activamente dende unha cooperativa constituída por eles mesmos o pasado curso. Por último, o colexio desenvolveu actividades relacionadas coa educación contra a violencia e os prexuízos, con charlas sobre o acoso e os estereotipos de xénero no ámbito profesional.

Fotos