Noticias

O alumeado público de Ribadumia será un 60% máis eficiente

O actual equipo de goberno logra do programa IDAE unha subvención de 569.000 dos 711.000 euros orzamentados para a substitución de luminarias e equipos en todas as parroquias do Concello de Ribadumia.


07 decembro 2018
Ribadumia
Concello de Ribadumia

O Instituto para a Diversificación e Aforro da Enerxía (IDAE), dependente do Ministerio de Transición Tecnolóxica, aprobou a concesión dunha axuda por valor do 80% do orzamento presentado polo actual equipo de goberno para o Proxecto de Renovación, Mellora e Adaptación ao Réxime de Eficiencia Enerxética. Este programa, no marco do Programa Operativo  FEDER (Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional), resolveu conceder a subvención máxima de 569.381,12 euros dos 711.726,40 euros  orzados polo  Concello para a renovación das instalacións de iluminación e sinalización exterior.

Este investimento é unha das apostas do actual equipo de Goberno para conseguir un sistema de alumeado máis respectuoso co medio ambiente e cuxa eficiencia vai representar un aforro importante para as arcas municipais, que vai permitir realizar investimentos que atendan outras necesidades e solicitudes veciñais. A consecución desta subvención supuxo un esforzo engadido do persoal do Concello, que estivo de xeito ininterrompido durante 36 horas traballando para que a solicitude da axuda do IDAE tivese entrada na plataforma dixital en tempo para a súa concesión. Unha cifra que supón un dos maiores investimentos de toda a provincia de Pontevedra neste tipo de obras. Calcúlase que unha redución do 60% na iluminación pública pode traducirse nun aforro superior ao 80% na factura da luz, así como unha  importantísima redución das emisións de CO2 á atmosfera.

Para todo o equipo de Goberno do  Concello de Ribadumia, a optimización dos recursos é unha prioridade, e deste xeito, a nova iluminación pública de todos os núcleos urbanos e parroquias de Ribadumia contará con tecnoloxía  LED moito máis eficiente. O procesos pasa por substituír as luminarias xa existentes, lámpadas e equipos por tecnoloxías máis eficientes; que permitan as diminución do fluxo emitido ata un 60%; a substitución de interruptores ou programadores tradicionais; a eliminación de puntos de luz innecesarios;a adecuación dos cadros de mando á Normativa actual; e a legalización dos cadros de mando en todas as parroquias de Ribadumia.

Desde o momento da aprobación da subvención do  IDAE, ábrese un prazo de seis meses para a contratación das subministracións, obras e servizos; seis meses máis ata un total dun ano para a formalización dos contratacións precisas para a execución; e un límite máximo de trinta meses para a finalización das mesmas.

Ademais, este importante investimento vaise ver complementado en breve coa dotación superior a 20 puntos de luz en diversos lugares do Concello, sobre todo no rural, dándolle así cumprimento ás peticións feitas polos veciños de Ribadumia durante a lexislatura.

Deste xeito, vese así conseguido un dos obxectivos do goberno que dirixe David Castro: dotar de alumeado todos os lugares do Concello, priorizar a eficiencia enerxética e contar cun servizo de mantemento do alumeado que permita solventar arranxos nun prazo breve unha vez os veciños comuniquen as incidencias.