Noticias

O Concello de Ribadumia abre o prazo de inscrición para o reparto de novos composteiros de uso doméstico

Aberto o prazo para inscribirse para o reparto dunha nova remesa de composteiros domésticos e os cales recibirán despois unha charla formativa da instalación e correcto uso do composteiro


12 setembro 2019
Ribadumia
Concello de Ribadumia

O Concello de Ribadumia informa que dende hoxe ata o próximo día 30 de setembro se abre o prazo para os que desexen inscribirse de cara ó novo reparto de composteiros domésticos cedidos por Deputación de Pontevedra e unirse así os xa repartidos e instalados noutras familias por tódalas parroquias do Concello e que conforman a outra vertente da compostaxe local, xunto cos composteiros comunitarios instalados no núcleo urbano de Barrantes.

Con posterioridade todas as familias que reciban un destes composteiros domésticos recibiran unhas xornadas sobre o seu óptimo uso desenvolvidas por persoal técnico da Deputación.

Preto do 50% dos residuos que produce diariamente cada familia do noso Concello son residuos orgánicos, que poden ser depositados nestes composteiros. Correctamente mesturados con outros restos de horta e xardín, producirán en poucos meses un compost de primeira calidade, ideal para empregar como fertilizante totalmente ecolóxico nas nosas hortas.

Ademáis deste claro beneficio directo, o emprego de composteiros ten moitas outras vantaxes, que van dende a redución da cantidade do lixo depositado nos contedores verdes -e a consecuente reducción dos custes económicos e as emisións de gases de efecto invernadoiro do transporte en camión dos mesmos ata a planta de transferencia-, ata as vantaxes económicas que supón que cada quilo de menos depositado no contedor verde é un kilo de menos facturado por SOGAMA, o cal repercute directamente mes a mes na economía municipal, permitindo destinar eses cartos a outros investimentos.

O obxectivo do Concello de Ribadumia é ir implantando progresivamente máis composteiros deste tipo nas vivendas das parroquias.