Noticias

O Concello de Ribadumia está a executar o acondicionamento do aparcamento da área recreativa de Cabanelas


19 outubro 2020
Ribadumia

O Concello de Ribadumia informa que deron comezo as obras para mellorar en xeral a accesibilidade e seguridade, así como a mobilidade do recinto da zona de aparcamento da área recreativa de Cabanelas.

Estas actuacións, que teñen un orzamento de adxudicación que ascende a 48268,91€, dos cales o Concello de Ribadumia vai aportar 16894,12 €  e están cofinanciadas coa Consellería de cultura e turismo, buscan dar solución a un espazo sen acondicionar, no que soamente existen beirarrúas bordeando o edificio do ximnasio e unha zona de acceso libre sen pavimentar que sirve de aparcamento informal. Nos días de máxima afluencia de usuarios da área recreativa, en época estival, prodúcese unha gran conxestión de vehículos no espazo libre, aparcando sen ningún tipo de orde, aproveitando ao máximo o espazo ata case a marxe do río. 

O obxectivo principal é mellorar a accesibilidade xeral do lugar, xerar unha zona de aparcamento ordenada e ampliar a zona axardinada na marxe do río, facilitando á accesibilidade dos recursos turísticos de persoas con algún tipo de diversidade funcional, e contribuíndo á diversificación e á desestacionalización da oferta turística do Concello de Ribadumia.

Para isto, entre as actuacións a levar a cabo está a creación dunha plataforma horizontal ampla no punto de acceso de baixada ao río para facilitar a entrada e saída de vehículos ó aparcamento. Ao mesmo tempo, tamén se ampliarán e crearán novas beirarrúas para mellorar a mobilidade peonil nos accesos aos distintos equipamentos. E ó mesmo tempo vaise crear un aparcamento para coches, motocicletas e bicicletas ademais de estar prevista unha zona para a carga e descarga de uso exclusivo do club de piragüismo.

Para rematar a ordenación, realizarase unha intervención sobre a marxe axardinada do río, aumentando a zona verde existente que permitirá a conexión do paseo empedrado existente no entorno do refuxio co paso debaixo da ponte de Cabanelas que conecta co paseo fluvial.