Noticias

O Concello de Ribadumia executa as obras de acondicionamento no entorno do Cra e do Centro Social de Lois


16 novembro 2019
Ribadumia
Obras Ribadumia

O Concello de Ribadumia informa que, co fin de que tanto a comunidade educativa coma os veciños poidan disfrutar dun entorno máis axeitado, remataron as obras executadas para mellorar e acondicionar a zona exterior do CRA e do Centro Social de Lois.

Este proxecto, para o que o concello solicitou a correspondente subvención ó abeiro das axudas convocadas en 2019 para a creación e/ou mellora das infraestruturas, dotacións, instalacións e equipamentos vinculados á prestación de servizos municipais, ascendeu a un importe de 47.886,63€, dos que o 70% foron financiados por Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza e o restante 30% (14.365,99€) con fondos propios do Concello de Ribadumia.

Estas obras de mellora e acondicionamento, que veñen dar resposta ás demandas feitas tanto polos veciños nas distintas reunións parroquiais coma pola comunidade educativa, consistiron na zonificación dos usos e no cambio na accesibilidade ao recinto, de maneira que a zona de entrada principal queda unicamente para acceso peonil ou de vehículos de emerxencia, pasando a realizarse o acceso de vehículos pesados pola parte noroeste da finca.

Para isto executouse unha rúa interior no recinto para dar acceso ó CRA e ó Centro Social, cun pavimento de formigón e dotada do mobiliario urbano preciso para dar acceso a ambos os dous edificios. Tamén se levou a cabo o traslado de parte do parque infantil para diante das instalacións educativas do CRA co fin de unificar esta zona de ocio, antes dividida en 2, e facilitar a seguridade e vixilancia da mesma.

Finalmente, no linde norte do recinto creouse unha franxa lineal de zona axardinada para mellorar o seu aspecto e calidade.