Noticias

O Concello de Ribadumia mellorará o servizo do punto limpo cunha unidade móbil


05 novembro 2019
Ribadumia
Concello de Ribadumia

O Concello de Ribadumia informa de que na busca de mellorar o servizo prestado ata o momento no Punto Limpo habilitado na parroquia de Leiro, e de cara a achegar e facilitar a recollida de voluminosos ós veciños, solicitou o pasado mes de xaneiro unha axuda de 38.824,50 € para implantación de puntos limpos móbiles nas subvencións convocadas ó abeiro da Orde do 14 de decembro de 2018, pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas a entidades sociais de Galicia para o financiamento de actuacións en materia de residuos de competencia municipal, cofinanciados polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional con cargo ao programa operativo Feder Galicia 2014-2020.

O pasado mes de xullo, a Consellaría de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda comunicou ó Concello de Ribadumia a aprobación da axuda para a cal a propia consellaría achega 31.059,60 €, correspondéndolle ó Concello unha achega de 7.764,90 € a máis desta cantidade, facéndose cargo tamén a entidade municipal doutros 11000 € invertidos con cargo ó remanente de tesourería para habilitar e mellorar o carrozado do vehículo co fin de mellorar as súas prestacións iniciais para a recollida de voluminosos.

Así mesmo e para que todos os veciños coñezan o novo servizo que se pretende poñer en marcha, os novos horarios de recollida e o funcionamento do punto limpo móbil, o concello fará nas vindeiras semanas unha presentación pública onde se explicará en detalle.