Noticias

O CRA de Ribadumia celebra a tradicional festa dos Maios


27 abril 2018
Ribadumia
Festa dos Maios

O Concello de Ribadumia informa de que cativos e cativas do Centro Rural Agrupado municipal celebraron hoxe o tradicional festexo dos Maios.

Cada ano chegadas estas datas, os pequenos de Ribadumia, acompañados de familiares e veciños, continúan unha das tradicións máis antigas de Galicia. Co comezo da primavera e a chegada do bo tempo, a natureza empeza a dar os primeiros brotes e anima a desfrutar, cantando e bailando, de todo o que nos ofrece. Esta tradición que, como  moitas outras, se está perdendo en case tódolos lugares de Galicia, é recuperada dende fai máis dunha década polos máis cativos de Ribadumia, que aprenden as costumes dos seus maiores organizando, durante toda a semana, a celebración. Manualidades con flores, clases de percusión e a construción do maio, son os preparativos para este día, no que os nenos e nenas se achegan ata a carballeira do CRA de Leiro para cantar e bailar arredor da estrutura de flores. Este ano, a festa foi tamén acompañada polo grupo de música tradicional galega "Os Demos da Petaca". Ao son das gaitas, os presentes entoaron temas populares e desfrutaron  durante unha hora desta festa tradicional.  

Aproveitando o bo tempo, o CRA de Ribadumia organizou tamén, esta semana, outras moitas actividades. Con "Ponlle as pilas ao teu bocata", por exemplo, as nenas e nenos degustaron un nutritivo bocadillo creado por eles mesmos. Con esta merenda, realizada en colaboración coa Consellería do Mar, os pequenos aprenderon a comer de xeito saudable e saboroso con conservas. Mexillóns, sardiñas, choco, leituga ou tomate foron algúns dos ingredientes entre os que os nenos puideron elixir para facer o seu emparedado.

Ademais, o centro recibiu unha visita moi especial: a de tres cans do Refuxio de Cambados, que fixeron as delicias dos cativos. E é que o CRA está a colaborar activamente co refuxio durante este curso, mediante o programa "Voluntariado Miúdo: móvete!". Os cativos e as súas familias recollen comida e outros recursos para os animais, acoden a pasealos, reciben nocións do funcionamento do refuxio e aprenden a coidar das súas mascotas con esta actividade, que promove tamén a socialización e a empatía.