Noticias

O Equipo de Goberno valora moi positivamente a "maioría de idade" da Festa do Pan


14 agosto 2019
Ribadumia
Festa do Pan en Ribadumia

Este ano celebrouse a XVIII edición da Festa do Pan de Ribadumia, co que acadou a súa "maioría de idade" sendo un éxito tanto no relativo á afluencia de asistentes a todos os actos coma na organización.

A afluencia de público na Carballeira de Ribadumia comezou xa a primeira hora da tarde coa presentación das empanadas e postres para o concurso, dos que resultaron gañadores este ano Manuel Mosteiro e Dolores Blanco, respectivamente. A presenza de público foi constante a partir das 19:00 co comezo da animación e obradoiro infantil, aumentando ó longo da velada, tanto na recreación dos Muíños do Batán coma na posterior cea de confraternidade.

Este ano, os veciños e visitantes que acudiron a Ribadumia superaron con creces as 1.500 persoas xa que foron despachados máis de 2.700 ovos fritos en 1.360 racións, que puideron ser acompañadas de polbo, empanadas, pizza e distintas variedades de pan e postres que se puideron adquirir nos postos habilitados para a súa venta.

Así mesmo, este ano destacou a venta de tostas (máis de 150) elaboradas na mesma carpa de venta do pan, coa novidade de que, xunto cunha tosta tradicional de maionesa, atún e surimi, este ano elaborouse unha tosta con lacón e pementón e outra para os vexetarianos, con aguacate e cherrys.

Respecto das ventas, hai que salientar o notable aumento que se produciu tanto nos tiquets de ovos e pan coma nos produtos achegados polos panadeiros municipais que colaboran na Festa do Pan, cun incremento superior ó 25% respecto de 2018.

Finalmente, o Concello de Ribadumia quere agradecer publicamente a todos os colaboradores e traballadores municipais a súa implicación activa na organización da festa, así como ás panaderías Ponte Arnelas, Isidoro, Boutique do Pan, Carlos, A Despensa de Piñeiro e Álvarez, Avícola Otrés, ó grupo Alecrín, ó Club Náutico o Muíño e ós membros de Protección Civil colaboradores ano tras ano co Concello na organización da Festa do Pan.