Noticias

Valoración moi positiva do primeiro ano da asistencia técnica no Concello de Ribadumia para axilizar os trámites dos veciños con Catastro


15 outubro 2020
Ribadumia

O Concello de Ribadumia informa de que neste primeiro ano de servizo a valoración é moi positiva, posto que a asistencia técnica que se está a prestar dende a institución para facilitar os trámites dos veciños con Catastro está a resultar moi vantaxosa.

Así o servizo de consultoría e asistencia técnica en materia de xestión catastral atendeu máis de 260 veciños que se traduciron na tramitación neste ano de 221 expedientes dos cales máis do 75% están finalizados.

Cabe destacar que Ribadumia segue a ser o único municipio do Salnés en prestar este servizo de asesoramento e asistencia técnica directa ós veciños evitándolles desprazamentos a Xerencia Territorial de Catastro.

A isto hai que engadir que Ribadumia está a ser pioneira na provincia de Pontevedra no emprego da plataforma CITRIX e no intercambio de ficheiros vía SEC o que facilitará e axilizará a tramitación e resolución dos expedientes dos veciños, reducindo así os tempos de espera actuais.

Para poder acceder ó servizo, que se desenvolve os luns de 9:00 a 14:00 h, calquera veciño pode solicitar cita previa nos teléfonos 986718491/99 ou presencialmente nas oficinas municipais.

Isto supón que os veciños poden resolver calquera cuestión relativas a propiedades/inmobles situados no municipio de Ribadumia dende o propio concello, tanto novas tramitacións como xestións en curso posto que esta empresa, ó ser autorizada por Catastro, coñecerá todos os expedientes pendentes de resolución dos veciños.