Noticias

Salceda de Caselas acolle o curso A Apicultura Moderna e Sostible do proxecto "DepoApicultura"

Máis de 20 persoas participarán na acción formativa presencial no Centro Social A Devesa, que tamén ten unha parte on line que se desenvolve ata setembro


13 abril 2019

A Deputación de Pontevedra desenvolve para a semana que vén en Salceda de Caselas a parte presencial do curso formativo A Apicultura Moderna e Sostible, enmarcado no proxecto "DepoApicultura", e que se desenvolve ata setembro. O vindeiro martes, 16 de abril, e o mércores, 17 de abril, vai ter lugar, no Centro Social A Devesa, a formación presencial desta iniciativa, en horario de 9 a 14 horas, e na que van participar máis de 20 persoas. Esta iniciativa tamén ten unha formación on line, que se desenvolve ata o mes de setembro. En total, son 50 horas de formación, 40 a distancia e 10 presenciais. Trátase de actuacións totalmente gratuítas.  

"DepoApicultura" é un proxecto cofinanciado polo Fondo Social Europeo, que se desenvolve en zonas rurais da Rede Natura das provincias de Pontevedra e de Zaragoza, cuxo obxectivo é o de mellorar a empregabilidade no sector apícola, sobre todo daquelas persoas con dificultades de acceso ao mercado laboral. Dentro destas accións formativas, as persoas participantes aprenderán conceptos e técnicas para levar adiante explotacións apícolas modernas. Entre outros contidos, poderán achegarse, por exemplo, ás técnicas para a extracción do mel, a elaboración de produtos derivados do mel, os métodos para a cría masiva de raíñas ou a situación e orientación das colmeas.

O proxecto "DepoApicultura" inclúe tanto accións formativas presenciais como mixtas. Só cursos presenciais teñen lugar no Rosal, en Vilaboa e en Barro, todos eles xa iniciados. Os cursos mixtos, coma este de Salceda de Caselas, teñen cabida tamén en Ponteareas e no Rosal. Tanto os cursos presenciais coma os mixtos contan con sesións teóricas e prácticas. En canto á teoría, a formación céntrase na apicultura moderna e na elaboración de plans empresariais, nas estratexias de busca de emprego e na preparación do CV. Pola súa banda, as sesións prácticas abordarán cuestións relativas ao estado das colmeas, á súa división, á preparación da colmea incubadora, á cría masiva de raíñas, á revisión e colocación de alzas, á extracción do mel, á profilaxe e tratamentos sanitarios e á elaboración de produtos derivados do mel.

O proxecto "DepoApicultura", cun orzamento de máis de 100.000 euros, ten por obxectivo capacitar ás persoas para a posta en marcha e mantemento dunha explotación apícola moderna, informando sobre as posibles orientacións produtivas e fomentando novas vías de xestión e comercialización mediante o emprego de novas tecnoloxías.