Salvaterra gaña unha senda peonil ao colexio de Leirado gracias ao apoio da Deputación

O deputado de Infraestruturas visitou hoxe a nova infraestrutura de seguridade viaria, na que se realizou un investimento de 186.000 euros

15/07/2022

Leirado

Camiñar con seguridade e comodidade cara ao colexio de Leirado, en Salvaterra de Miño, é posible dende hai poucos días gracias ao apoio da Deputación. O deputado de Infraestruturas, Gregorio Agís, visitou hoxe, acompañado da alcaldesa, Marta Valcárcel, unha actuación neste treito antigo da estrada provincial EP-4006, que supuxo un investimento total de 186.000 euros nun convenio co Concello, no que a Deputación achegou o 80% (148.800 euros).

A actuación realizada enmárcase no modelo de mobilidade sostible, segura e amable da Deputación de Pontevedra, no que as persoas que camiñan polo espazo público teñen prioridade. Neste caso o colectivo beneficiario é a comunidade educativa de Leirado, en especial as/os nenas/os. A senda peonil construída ten, como sempre fai a Deputación, un ancho mínimo de 2,5 metros e une o acceso ao CEIP co cruce coa estrada autonómica PO-402, facilitando así tamén o acceso a varios equipamentos públicos da zona. O colexio só dispoñía ata o de agora dunha antiga beirarrúa na marxe dereita, que tamén foi acondicionada con formigón coloreado, dando así continuidade ao itinerario peonil da zona escolar. Por último acondicionouse a zona de estacionamento de autobuses.

As obras contemplaron a renovación completa do aglomerado asfáltico da calzada e incluíron actuacións de calmado de tráfico como o paso sobreelevado que existe no acceso principal ao centro educativo, a instalación de sinalización horizontal e vertical e a redución da velocidade de circulación a 30 Km/h. Finalmente, completáronse coa execución dunha nova rede de pluviais para evitar a acumulación de auga na calzada.

Galerias de imaxes