As escavacións de Santa Clara sacan á luz restos da panda oeste do claustro de Santa Clara

Os traballos tamén revelaron a existencia de aperturas abucinadas, probablemente defensivas, no muro interno paralelo ao de Barcelos

23/09/2022

Santa Clara

As escavacións no convento de Santa Clara finalizarán este mes de setembro e, a pesares de estar a piques de rematar, seguen a sacar á luz novidades continuas sobre a construción. O vicepresidente César Mosquera explicou hoxe que os últimos achados veñen de revelar que o claustro, que a día de hoxe só conserva dúas pandas ou lados, tiña en orixe polo menos un máis na zona oeste que foi derrubado:  baixo terra atopáronse pavimentos empedrados, e na zona exterior restos dun tellado que voaba sobre o xardín da fonte  e tamén cicatrices do enlace coa edificación.

Coas descubertas resólvese un dos enigmas sobre a singularidade do claustro de Santa Clara, diferente aos doutras construcións relixiosas que –de maneira xenérica- pechaban con catro corredores de galerías unha zona central axardinada. Nas sondaxes, en calquera caso, non se encontraron evidencias de que o cuarto lateral fose construído, o que leva á equipa arqueolóxica a pensar que o claustro foi “o enésimo proxecto a medio finalizar” do convento. O seu deseño orixinal, así pois, sería en forma de U con dúas alas simétricas en dirección sur.

Por outra banda, Mosquera explicou que os estudos de paramentos revelaron que no muro interior paralelo ao de Barcelos -que separa a zona de vides e kiwi da parte exterior de arborado-, existen ‘ventanucos’ abucinados similares ás saeteras. Estes, sen poder determinar de momento se foron construídos pola orde das monxas ou anteriormente, tiñan moi probablemente un carácter defensivo, xa que a parte externa é estreita e a interna máis larga. As aperturas están a día de hoxe colmatadas e recheas de pedras.

Ata fin de mes a equipa arqueolóxica seguirá a traballar na construción, realizando principalmente traballos complementarios para identificar na totalidade restos xa identificados ou confirmar datos e teorías sobre algún elemento concreto. Unha vez a faena de campo remate nos vindeiros días intensificarase o labor de documentación e priorizarase a de análise e redacción de informes.  

Galerias de imaxes

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 13 resultados.