Rafael Rodríguez: “en Santa Clara atopamos tumbas de xente que probablemente morreu ás portas do convento”

A primeira das charlas para conmemorar a compra da construción deu a coñecer o traballo das escavacións arqueolóxicas, nas que se abriron 780 metros cadrados de catas e se atoparon máis de 8.000 pezas

22/11/2022

INTUR

O convento de Santa Clara dá para falar moito. Esa foi a primeira conclusión á que chegaron hoxe as primeiras persoas relatoras do ciclo de charlas organizadas pola Deputación de Pontevedra para conmemorar a compra do recinto relixioso, os arqueólogos responsables das escavacións e do estudo histórico artístico, Rafael Rodríguez e Israel Picón. Ambos deron unha visión xeral da escavación e destacaron que foi necesario ampliar substancialmente o proxecto de intervención inicial dada a cantidade de material atopado e que achegaba información sobre a vida no convento durante os 700 anos que estivo pechado ao público.

Segundo apuntou Picón, nun primeiro momento, os traballos estaban planteados para abrir 616 metros cadrados de catas, mais foi preciso ampliar ata os 780 metros, repartidos en diferentes sondaxes nos distintos sectores nos que se parcelou a finca. Foi o arqueólogo director dos traballos, Rafael Rodríguez, o que afondou máis e fixo un resumo a nivel arqueolóxico e da evolución das edificacións a partir da arquitectura, e tamén grazas ás cerámicas e metais achados (arredor de 8.000), segundo destacou, “os elementos máis representativos”, que permitiron incluso datar algunhas das construcións.

Houbo catro sectores de escavación –dixo Rodríguez- que achegaron información moi valiosa sobre o convento. O primeiro e máis destacado foi o sector 10, preto do pozo, onde apareceron o pavimento de laxes de granito, tumbas por baixo dunha canalización de auga, e unha gavia de cimentación dun edificio que aportou datos dunha construción que hoxe non existe. Segundo apuntou, a estrutura arqueolóxica do lousado supoñía unha incógnita para a equipa de traballo, mais ao complementar o achado coa documentación, finalmente descubriuse que formaba parte dun patio interior dun edificio de orixe medieval que despois foi reformulado en época moderna.

Neste sector, preto do pozo,  tamén se constatou a existencia de tumbas fóra do que naquel entón era o recinto conventual. Atopáronse cinco e escaváronse tres: unha tiña os cravos do cadaleito, outra un fémur e a outra estaba baleira. As outras dúas non se escavaron. “Posiblemente se trate de –restos de- xente que pasaba por alí e morría ás portas do convento, ou traballadoras e traballadores. Algo que tampouco se tiña documentado”, explicou o investigador, que recoñeceu que na equipa de traballo “non contabamos con elo”. “Seguramente é algo que se reproduza noutros sitios pero nós neste caso non contabamos con atopar con algo que tivera que ver con fóra da clausura. Sabemos que son anteriores ao século XVIII, pero de momento non podemos ir máis atrás. Saberemos máis cando fagamos a datación radiocarbónica”, subliñou.

Outro dos catro sectores máis interesantes para as persoas estudosas de Santa Clara foi o da zona sur. Púidose constatar a existencia dun edificio que pecharía o espazo conventual e facer unha aproximación cronolóxica (século XV e XVI). Descoñécese aínda a que estaba dedicada esa construción (hoxe derruída), máis si se supón que non era un edificio nobre, máis ben un lugar onde gardar os apeiros de labranza ou o gando.

O terceiro dos lugares máis importantes da escavación situouse na zona oeste do claustro, onde se descubriu a existencia dunha terceira panda ou ala que foi derruída, onde había un banco corrido. Por último, o cuarto dos sectores nos que máis información se conseguiu é o coñecido como da zona das ‘tullas’, onde se atoparon estruturas da antiga edificación conventual de época medieval, do mesmo arranque do convento, do seu núcleo orixinal, ou de época xusto inmediata. Vanse facer análises dos morteiros dos muros atopados para poder facer unha “datación absoluta”.

Finalmente, o máis destacable en xeral dos achados en Santa Clara, segundo subliñou o arqueólogo director, é a cantidade de producións cerámicas que apareceron, de toda a Península Ibérica, de países europeos como Alemaña, Italia, Inglaterra ou Francia, entre outros, e porcelana chinesa.

“É salientable esa diversidade que se documenta. Non é algo excepcional porque tamén aparece cerámica no porto de Baiona ou na zona da ponte do Burgo en Pontevedra, pero por exemplo o volume de porcelanas chinesas que hai en Santa Clara non aparece no Burgo, aínda sendo un porto... o que resulta algo  indicativo”, subliña Rodríguez, que destaca que amosaba a existencia de monxas  de familias con alto poder adquisitivo. Rodríguez tamén falou neste apartado das xícaras que as clarisas utilizaban para tomar chocolate, algo que parecía ser un costume bastante asentado.

As charlas sobre Santa Clara continuarán mañá mércores 23 baixo o título ‘Cando as paredes falan’, a cargo do doutor Victoriano Nodar. Este falará sobre a lectura de alzados e paramentos interiores e exteriores dos edificios, é dicir, das diferentes construcións e muros e os momentos nos que foron edificadas.

Ligazóns de interese

Galerias de imaxes