Os traballos arqueolóxicos en Santa Clara permitirán en apenas semanas coñecer como foi a vida dentro do convento nas diferentes épocas

O vicepresidente César Mosquera confirmou hoxe que están a aparecer tumbas de maneira masiva en moitas localizacións da finca e da construción

24/08/2022

O convento de Santa Clara segue a ser fonte de achados diarios. Segundo confirmou hoxe o presidente en funcións da Deputación César Mosquera, os avances son continuos e a equipa arqueolóxica terá suficiente documentación nas vindeiras semanas para realizar unha primeira reconstrución cronolóxica de como era a vida no convento e a evolución da construción nos seus 750 anos de historia.

As escavacións están a localizar numerosos enterramentos en moi diferentes localizacións  da finca e das construcións, incluso a diferentes niveis: na horta, no claustro, na igrexa, na entrada baixo o cemento, no refectorio vello, no coro baixo... Polo de agora están escavadas unhas 40 tumbas, mais calcúlase que os enterramentos foron masivos polo que a decisión será non abrir todos, senón localizalos por xeorradar e só abrir os que se consideren máis representativos.

“Isto é sorprendente. Poderiamos estar toda a vida escavando. Hai incluso enterramentos con dous ou tres osamentas xuntas”, apuntou Mosquera, quen se preguntou se no recinto haberá milleiros de corpos. “O cemiterio que existía era do século XX. (...) Pero canta xente pode estar aí enterrada en 750 anos? 2.000, 3.000, 4.000 persoas? Só a unha por ano son 750... Sabemos que son multitude”, subliñou.

Tamén se teñen detectadas diferentes técnicas mortuorias segundo a época na que se fixo o sepelio. Nalgúns casos os corpos están dentro de caixas de madeira e noutros simplemente nun sudario. Así mesmo, parece estar documentado que tamén hai enterramentos de xente allea ao convento, que acabou enterrada dentro do recinto por ter feito algunha cesión no seu testamento a cambio do enterramento no lugar, ou ben por colaborar coas monxas dalgunha maneira.

A información sobre os corpos, a maneira en que estaban dispostos, a súa localización, servirá para facer unha primeira achega ao modo de vida do convento. A maiores tamén se realizarán as analíticas forenses dos ósos, que probablemente estarán finalizadas a finais de ano ou primeiros de 2023. Entón xa se poderá saber con detalle cuestións como, por exemplo, o tipo de alimentación que seguían as mulleres recluídas no recinto relixioso.

Entrada pola parte superior

Tamén está a haber moitas novidades en canto ao coñecemento da construción propiamente dita. Téñense documentadas edificacións orixinais de hai 750 anos, partes que desapareceron e tamén engadidos posteriores que se están a analizar. Segundo explicou o vicepresidente Mosquera é sorprendente a cantidade de modificacións que se fixeron ao longo da historia, que chegan a crear unha construción “desfigurada” con respecto a outros conventos e edificacións relixiosas coetáneas. Como exemplo, subliñou que moi probablemente o ábside da igrexa non sexa o orixinal, senón unha substitución do século XV ou XVI.

Outra das cuestións máis chamativas é que xa está documentado que a entrada orixinal do convento estaba situada na parte superior da finca, cara a praza de Barcelos, antes do século XVII, de cando data o actual muro. Por outra parte, nas diferentes catas realizadas está a aparecer tamén moita cerámica soterrada a diferentes niveis (máis fondas as máis antigas) que amosan perfectamente as características de uso e tipoloxía.

Galerias de imaxes

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 12 resultados.