Noticias

Santos Héctor supervisa en Mondariz as "demandadas" obras de mellora dos campos municipais de fútbol da Lagoa

O deputado de Cooperación visitou hoxe os traballos, financiados pola Deputación con máis de medio millón de euros e que estarán rematados a finais de setembro


20 agosto 2019
Campo A Lagoa

As obras para a dotación e a mellora de infraestruturas nos campos municipais de fútbol da Lagoa, en Mondariz, entran no tramo final de execución, e prevese que estean rematadas a finais do mes de setembro. O proxecto, financiado na súa totalidade pola Deputación de Pontevedra con 529.962,31 euros ao abeiro do Plan Reequilibrio e do Plan Concellos, foi visitado hoxe polo deputado de Cooperación, Santos Héctor, quen supervisou as actuacións xunto ao alcalde de Mondariz, Xosé Emilio Barros, as deputadas provinciais Raquel Giráldez e Olga García, e José Manuel Vicente, presidente do Mondariz FC.

Durante a visita, Santos Héctor destacou da remodelación dos campos municipais de fútbol da Lagoa que "agora as veciñas e veciños de Mondariz, especialmente as nenas e nenos, poderán gozar dunhas instalacións deportivas axeitadas, tal e como o merecen".

O deputado tamén fixo fincapé na importancia desta obra porque "cubre as necesidades demandadas polas usuarias e usuarios e conséguense unhas instalacións accesibles co fin de promocionar o deporte entre os colectivos de persoas co diversidade funcional".

Pola súa parte, o alcalde da vila, Xosé Emilio Barros, recalcou a "necesidade destas obras para o concello de Mondariz, pois estas instalacións serán empregadas diariamente por 200 nenas e nenos". Xosé Emilio Barros tamén agradeceu "o apoio da Deputación e o esforzo feito polo Goberno de Carmela Silva, xa que a súa chegada supuxo un cambio substancial na xestión dos recursos grazas a plans coma o Reequilibrio ou o Plan Concellos que, con criterios obxectivos, están a permitir que concellos coma o noso poidan levar a cabo importantes actuacións coma a que visitamos hoxe".

Máis polo miúdo, as obras que se están a realizar nos campos de fútbol da Lagoa serven para reubicar espazos e unificar os dous campos nunha soa zona e para acadar unhas instalacións adecuadas ás necesidades da cidadanía de Mondariz, instalando aseos para uso xeral, unha zona de cantina, un almacén, zona de lavandería e un pequeno despacho administrativo. Ademais, tamén se levou a cabo unha ampliación dos vestiarios e o complexo contará con balsas ecolóxicas para a depuración da auga, unha solución que vai na liña da aposta da Deputación de Pontevedra pola sustentabilidade.

Santos Héctor tamén lembrou o apoio que está a dar a Deputación de Pontevedra aos concellos da provincia. No caso concreto de Mondariz, este recibiu máis de 5 millóns de euros na anterior lexislatura, "o maior investimento neste concello na historia da Deputación de Pontevedra". O deputado de Cooperación engadiu que "no Plan Concellos 2019 investimos en Mondariz máis de 525.000 euros este ano, un 3,03 % máis que en 2018".