Sete anos de mandato para unha provincia “transformada e referente no estado”

O goberno de progreso da Deputación rende contas ante a sociedade nun acto multitudinario que reuniu a alcaldes e alcaldesas que representaron a máis de 600.000 habitantes da provincia

22/07/2022

Acto 7 anos de goberno  

A explanada de Montero Ríos, en Pontevedra, foi hoxe o escenario do tradicional acto de dación de contas do goberno da Deputación, co que cada ano se presenta ante a sociedade da provincia para dar coñecemento do uso dos recursos públicos cos que se está a acadar, en palabras da presidenta Carmela Silva, "unha transformación intelixente da provincia que, honestamente, cremos que entre todos e todas estamos a conseguila". O multitudinario evento, que contou coa actuación do pianista Alejo Amoedo e da mezzosporano Nuria Lorenzo, concitou destacadas presenzas como a dos alcaldes de Vigo e Pontevedra, Abel Caballero e Miguel Anxo Fernández Lores, así como de Vilagarcía e Redondela, Alberto Varela e Digna Rivas, amais doutros 35 concellos, representando a máis de 600.000 habitantes da provincia. Tamén institucións civís e militares, e asociacións e entidades do tecido económico, empresarial, social, cultural, informativo, turístico ou deportivo do territorio.

A presidenta Carmela Silva detallou os datos máis sobresaíntes destes sete anos, protagonizados pola alianza cos municipios e os eixos da cohesión territorial, a sostibilidade, a transición dixital e a innovación, o reto demográfico, a política para as persoas, os servizos e dereitos, a democratización da cultura e a igualdade. "Fai 7 anos definimos a provincia que queríamos construír -subliñou-, con obxectivos claros, enfocados á transformación, cunha nova forma de relación cos concellos que os convertera en protagonistas; equidade no destino dos recursos". Lembrou que a Deputación xa é "referente" nestes ámbitos, como tamén na loita contra o cambio climático "que aínda algúns negan" dentro da implementación da Axenda 2030, e "na atención social a quen máis o precisa".

A presidenta lembrou que no discurso de inicio da segunda investidura, "dixemos que asinabamos un novo contrato cos concellos e coa cidadanía, un contrato con alma, entre iguais, co que gañaríamos todas e todos, e hoxe creo que traballamos moito para poder cumprilo". Neste senso, incidiu en que este cambio ten sido posible grazas ao "incrible traballo realizado" e agradeceu ao equipo de goberno, aos gabinetes e ao funcionariado, "do que estamos moi orgullosas e orgullosos", e de xeito especial a implicación do vicepresidente "por saber acordar e ser capaz de que impulsaramos un proxecto transformador". "Somos un goberno formado por dous grupos políticos -sostivo- que sabe que o que importa é traballar para que a xente viva mellor e fomos quen de facelo", apuntou.

Carmela Silva subliñou tamén o papel do sector público e privado que colaboran coa institución, así como o da veciñanza da provincia "pola súa complicidade". Finalmente, louvou aos alcaldes e alcaldesas "que foron sempre colaboradores e colaboradoras e impulsores do cambio". "Neste territorio hai grandes alcaldes e alcaldesas que están a facer que esta provincia estea situada nos mellores datos en toda actividade que se realiza". A presidenta rematou citando a Jane Goodall: "o maior perigo que nos depara o futuro é a apatía", e sinalou que "nesta administración somos todo o contrario. Vivimos momentos complexos de cambios e dificultades, pero debemos pensar que hai oportunidades e temos que ser impulsores e impulsoras delas. E iso aquí é fácil que aconteza, porque todas e todos estamos para plantar cara ao que sexa necesario. Estes son tempos para que as boas persoas saquen o mellor de si mesmas e esta provincia está cheiña de xente boa, intelixente, talentosa e creativa. Non hai quen nos pare".

Pola súa banda, o vicepresidente, César Mosquera, subliñou o labor feito por un goberno "exemplar e unido, cunhas decisións e direccións moi claras que permiten avanzar e non gastar enerxías en desgastes internos e téñoo que agradecer". "Este goberno -dixo- fai moitas cousas e creo que nalgúns aspectos moi ben, porque en moitas áreas convertémonos en referentes galegos, estatais e internacionais". "E o logramos porque eliminamos o que tensiona ás deputacións, aqueles tratos de favor ou non igualitarios, o rosario que había e hai noutras deputacións de alcaldes e alcaldesas pedindo unha cita a ver se conseguen algo, que gastaban enerxías terroríficas que non se poden dedicar a outras cousas. Hoxe os alcaldes e alcaldesas tedes o Plan Concellos e outros plans que podedes sumar, en igualdade de condicións, e decidides o que queredes". Lembrou que no horizonte "hai nubeiros" como a Covid, a inflación "e tentamos reaccionar dentro das posibilidades, co ReacPon e outras decisións". E concluíu lembrando que "esquecer que quen son electos e electas pola cidadanía son os alcaldes e alcaldesas, e crernos os reis do mambo por dispoñer dos cartos, sería o peor erro que se pode cometer e levaría a empeorar toda a acción de goberno dunha forma tremenda". "Sigo convencido de que as deputacións, ou se cambian ou non teñen sentido e dentro desa situación nós tentamos facelo o mellor posible".

Sete anos en datos

Desde 2016, a Deputación ten investido 1.177 millóns de euros a través dos distintos Orzamentos, aliñados coa folla de ruta da Axenda 2030, e conseguiu saldar a débeda de ata 40 millóns herdada a súa chegada ao goberno. Xunto a elo, mobilizáronse nestes anos ata 104 millóns de euros. Amais, é a Deputación de todo o Estado que máis recursos transfire aos Concellos: 511,5 millóns , máis dun 34% fronte á media estatal do 17%. O Plan Concellos é a ferramenta estrela, con 327 millóns de euros en transferencias directas para facer case 3.000 obras en equipamentos, dotacións, servizos ou crear máis de 7.000 empregos. E únense os plans extraordinarios na busca do equilibrio territorial: o PICEI, o DEPOREMSE, e o Plan de REEQUILIBRIO, e o PLAN REACPON, cun investimento doutros 58,1 millóns que supoñen ata 116 grandes equipamentos: 64 obras de humanización e mobilidade segura, 24 de infraestruturas deportivas, 16 equipamentos socio culturais, 5 reformas de casas do concello, 1 en centros de ensino, 1 en vivendas municipais e outras dotacións. Neste período contabilizáronse case 7.000 actos e visitas a concellos e, no eido da cooperación, centos de asistencias desde o SAIM, con solucións tecnolóxicas para achegar a administración electrónica, o servizo do Padrón ou a transformación dixital do ORAL, cunha xestión desconcentrada para medio millón de persoas de 54 concellos e 9 mancomunidades.

Doutra banda, o modelo de Infraestruturas e a Nova Mobilidade, segura e sostible, recoñecido a nivel nacional e internacional, supuxo un investimento de case 130 millóns, formulado en sinerxías e convenios cos concellos e plasmado en centos de actuacións, moitas avaladas con recursos europeos. Noutro eido, a Transición Ecolóxica, a Sostibilidade, o Plan Revitaliza ten despregado milleiros de composteiros, formado a un centenar de mestres e mestras e traballado con máis de 50.000 rapazas e rapaces. Neste intre estase a traballar cos concellos para que poidan aplicar a nova Lei de Residuos. Os mesmos principios de sostibilidade aplícanse aos recursos destinados desde Medio Natural para o coidado do monte, a creación de parques forestais ou os convenios cos sectores produtivos, case 20 millóns, aos que hai que sumar a aposta polo Benestar Animal, no que o Centro de Acollida Caan xa dá servizo a 51 concellos e é líder en adopción de animais: 3,100 nestes sete anos

A Igualdade , bandeira transversal da acción de goberno, tivo un investimento de máis de 14 millóns nos eixos da formación, a loita contra as violencias machistas e a visibilidade das mulleres en todos os ámbitos. Destacan entre eles o coñecemento e a investigación coa Escola María Vinyals ou o traballo conxunto coa Universidade coa Cátedra de Feminismos e coas asociacións, así como ducias de programas cunha grande acollida. Na Política Social apostouse pola dinamización do benestar con axudas a concellos, entidades, asociacións e a cidadanía, e co esforzo de modernización de Príncipe Felipe. Sumado ás liñas pola Covid, e a teleasistencia o investimento foi de 109,6 millóns

No que respecta á Formación, Emprendemento e Emprego, destináronse máis de 26 millóns para programas de inserción laboral ou contratos en prácticas de primeira oportunidade. Así mesmo, a Rede SmartPeme para asesoramento TIC a empresas e persoas autónomas ten en marcha novas carteiras de ciberseguridade, emprendemento, igualdade e transición ecolóxica. En total, máis de 12.000 asesoramentos a case 2.000 empresas. A iso hai que unir os investimentos nos Viveiros de Barro e Lalín, co asentamento de grandes empresas que xeran actividade económica e emprego.

A estreita relación coa Universidade e con Centros de I+D+I na área de Coñecemento, Ciencia e Investigación, plasmouse en máis de 30 convenios, ao que hai que unir o investimento en Areeiro (20 millóns), referencia fitopatolóxica en España e agora en Portugal, e Mouriscade,(11,5 millóns), referente en investigación gandeira e xenética en apoio do sector primario.

A Cultura recibiu un grande impulso con case 22 millóns para levar a toda a provincia o poder transformador da arte, o teatro, a danza, o audiovisual, o patrimonio, a música e o cinema, coa marca dos Rías BaixasFest e Rías Baixas Film Fest. Amais, a Deputación creou a Escola de Letras, pioneira en Galicia e no Estado, e avalada polo Ministerio para chegar con ela mesmo a Europa. Dentro desta área a institución xestiona o Museo de Pontevedra, Castro Deza, e o Centro de Xestión do Coñecemento Arqueolóxico de Liñares, e financia outros proxectos museísticos como o MARCO de Vigo. Amais, ten convertido a sede de Vigo nun centro de cultura e igualdade con ducias de actividades cunha moi importante asistencia de persoas. En definitiva, conseguiuse democratizar a cultura levándoa a todo o territorio. Amais, a defensa da lingua e a modernización dixital do patrimonio bibliográfico supuxeron a ampliación da programación e axudas a entidades e concellos para o fomento do galego, amais do Mecenado da Fundación Rosalía e a consolidación do servizo de memoria histórica.

En Turismo, é un feito o modelo de turismo intelixente, baseado nas novas demandas, dixital, verde, accesible, sostible e desestacionalizado, que permitiu consolidar á provincia como o destino máis visitado de Galicia e nos primeiros postos do Estado, co traballo conxunto co sector para a calidade, formación e capacitación. Co programa Tourist Inside abordouse a implantación das TIC, o Big Data, e os novos sistemas de información e tamén a renovación dixital das oficinas de turismo. A potencialidade do interior veuse referendada con proxectos avalados por Europa, como os plans de sostibilidade en destino no Deza e no Condado Paradanta e, doutra banda, asumiuse a recuperación do patrimonio e a dixitalización e musealización dos Castelos de Soutomaior e Sobroso. Por último, o Deporte supuxo un investimento de 35 millóns de euros, co aumento das axudas a clubs e entidades e aproveitando a capacidade de atracción dos grandes eventos deportivos, con centos de programas de deporte sostible e igualitario nos que teñen participado milleiros de persoas, e priorizando o deporte feminino e adaptado.

 

Galerias de imaxes

videos

audios

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 18 resultados.