Noticias

A campaña de promoción turística "Sigue o teu instinto" acadou no mes de xullo preto de 6 millóns de visualizacións en medios dixitais

Os vídeos da campaña foron vistos ao completo máis dun millón de veces, e a través das distintas accións, máis de 16.000 persoas visitaron a páxina web


11 agosto 2020

A campaña de promoción turística difundida este verán pola Deputación de Pontevedra, enmarcada na campaña global deste ano "Sigue o teu instinto", acadou só en 10 días do mes de xullo preto de 6 millóns de impactos nos distintos soportes empregados para a súa difusión. Lonxe de se tratar unicamente duns datos positivos en termos de visualización, cómpre salientar o seu óptimo funcionamento entre o público: dos 5,7 millóns de impresións da campaña, máis dun millón correspóndense a visualizacións completas das pezas audiovisuais.

Esta é a primeira fase do plan de promoción, que busca reactivar o turismo no noso destino e potenciar a marca Turismo Rías Baixas a través de imaxes nas que a natureza ten un claro papel protagonista. Esta fase, en formato bilingüe, ten impacto en Galicia, no conxunto de España e Portugal e está focalizada en medios online. A segunda fase chegará en outono e centrarase en zonas estratéxicas de captación de visitantes durante datas clave como son as pontes que cadran neses meses.

A gran novidade desta acción de comunicación está no feito de ter empregado un novo soporte cunha gran potencialidade: as interfaces das Smart TV, empregadas por máis de 10 millóns de persoas no Estado. Emitíronse tres vídeos (un xenérico, un temático sobre costa e outro temático sobre patrimonio) entre os días 22 e 31 de xullo con máis de 300.000 impactos e cunha porcentaxe de visualizacións completas superior ao 60%.

En canto á difusión a través das redes sociais de Turismo Rías Baixas (Facebook e Instagram), "Sigue o teu instinto" tivo máis de 460.000 impresións, das cales 100.000 se corresponden con visualizacións das pezas audiovisuais (o 88% completas) e 363.000 con visualizacións de imaxes promocionais (que acadaron bos resultados de visitas á páxina web: máis de 4.000). Se ben en xeral todas tiveron uns resultados semellantes, pódese apreciar un rendemento lixeiramente maior para as pezas temáticas sobre a costa, algo lóxico tendo en conta a época do ano na que nos atopamos.

A Deputación de Pontevedra tamén difundiu a campaña "Sigue o teu instinto" a través dos medios de comunicación dixitais. Os materiais da campaña tiveron en total 4.900.000 impresións a través de diversos formatos. Aqueles nos que se empregaron vídeos tiveron unha porcentaxe de visualización completa situada entre o 86% e o 46% (en total 1.231.000 visualizacións, das cales 778.000 foron completas, e tiveron máis de 6.000 visitas á web). En canto aos banners publicitarios, acadaron 3,7 millóns de visualizacións e un total de 7.000 visitas á páxina web de Turismo Rías Baixas.

A campaña "Sigue o teu instinto" foi difundida nalgúns dos principais medios de comunicación dixital, como El País, El Mundo, 20 Minutos, ABC, La Razón, La Vanguardia ou El Periódico, diarios deportivos como Marca, Sport, Mundo Deportivo ou As, xornais de información económica como Cinco Rías e Expansión, plataformas de estilo de vida como Telva, S Moda, Verne, Yo Dona ou El Comidista, e tamén diarios de información local como Noticias de Navarra, Levante. El Mercantil Valenciano ou Diario Información.

Tras acadar 6 millóns de impactos en só 10 días, a Deputación de Pontevedra avanza nos seus obxectivos marcados ata finais de ano: acadar 20 millóns de impresións, 3,4 millóns de visualizacións dos vídeos e 150.000 visitas á páxina web e redes sociais a través desta e doutras accións incluídas no plan de promoción e comunicación.

Vídeos