Noticias

A segunda fase do campo da Gandareira contará cunha inversión de 882.000 euros en Silleda

A Deputación de Pontevedra vén de aprobar unha subvención de 706.136 euros para esta actuación que incluirá o remate das gradas, vestiarios e a urbanización do entorno do campo de fútbol da Bandeira


25 novembro 2017
Silleda
Gandería

A Deputación de Pontevedra vén de aprobar, no marco das subvencións para investimentos en equipoamentos e dotacións singulares na mellora do reequilibrio territorial dos servizos en municipios de menos de 20.000 habitantes, unha axuda de 706.136 euros  para levar a cabo a segunda fase de obras do campo de fútbol da Gandareira, na Bandeira.

Esta subvención corresponde ao 80 por cento da inversión que se situará, nesta segunda fase nun total de 882.671,16 euros, contando coa aportación muncipal.

Esta actuación inclue a finalización das gradas do campo de fútbol, que xa se comezou a remodelar a finais deste verán, a dotación de novos vestiarios, e a urbanización do entorno, continuando a senda da rúa Lourás e mellorando o vial ata o entronque coa  rúa da Estación, entre outros.

"Esta será unha das inversión máis destacadas desta lexislatura", indica o alcalde, Manuel Cuiña. As obras da primeira fase de remodelación integral do campo de fútbol estarán xa  listas a final de ano, cunha inversión doutros 400.000 euros.

Esta dotación é unha das máis agardadas tendo en conta que o da Bandeira é o único dos 4 campos de fútbol de Silleda que aínda tiña terreo de xogo en terra.

Esta obra, centra as inversións deste ano en Silleda no ámbito das infraestruturas deportivas xunto coa renovación da manta de herba sintética do campo de Outeiriño en Silleda, estreada o pasado mes de agosto. Os traballos na Gandareira comezaron a finales do verán co derribo dos cierres do campo.

Ademais da dotación de herba artificial, similar a do campo de Outeiriño-tamén se construirán novas gradas e aseos con esta reforma integral.

Os campos de fútbol de Silleda e da Bandeira súmanse ás obras realizadas polo Concello nos anos 2012 e 2013 nos campos de Lamela e Laro, respectivamente, coa dotación de terreos de xogo de herba natural. Nestes dous últimos continúanse a facer melloras tamén como a da colocación de colectores solares para contar con auga quente sanitaria.

"Dende o Concello de Silleda apostamos por mellorar os equipamentos deportivos con distintas obras de mellora ás que agora se suma a agardada e necesaria remodelación integral do campo da Gandareira", engade o alcalde.