Noticias

Silleda inviste máis de 32.000 € do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra na creación de puntos informativos no rural

O grao de adxudicación do Plan Concellos 2018 a Silleda sitúase nun 58,35 %, representando un investimento na vila de 755.316,73 €


11 xullo 2018
Plan Concellos 2018-2019

A Deputación de Pontevedra acaba de aprobar, mediante Resolución presidencial, un novo investimento no concello de Silleda ao abeiro da liña 1 do Plan Concellos 2018. Trátase esta vez dunha axuda de 32.319,82 euros para a creación de puntos informativos no medio rural.

Ademais destas cantidades, o Plan Concellos xa adxudicou anteriormente varias axudas para o concello. En concreto, 497.155,71 euros na liña 1 para financiar a rede de calor Disctrict Heating con biomasa (Fase I), para a compravenda dunha parcela de 6.973 metros cadrados á Fundación Semana Verde de Galicia (destinada á instalación dun centro de produción e abastecemento enerxético, o campo de fútbol de Bandeira (Fase II) e a mellora de camiños en Siador.

Ademais, a Deputación de Pontevedra adxudicou 71.934,93 € na liña 2 para o financiamento do servizo de recollida e transporte de residuos sólidos urbanos. E tamén, outros 153.906,27 € foron destinados á contratación de 11 traballadoras e traballadores que están a desempeñar funcións no concello, dentro da liña 3 do Plan Concellos 2018.

Ata este momento, o Plan Concellos 2018 xa entregou 755.316,73 € do total destinado a Silleda, isto é, o 58,35 %.