Noticias

O Concello de Silleda asina o convenio de colaboración con Solidariedade Galega co Pobo Saharaui

Maite Isla visitou hoxe o Concello xunto con outros membros da asociación onde foron recibidos pola concelleira de Benestar Social, Pilar Peón. A aportación municipal para o programa Vaciacións en Paz volve ser de 1.000 euros. O VI Mes Cultural de Axuda ao Pobo Saharaui continúa este domingo co XXV Festival de Bandas de Música de Silleda


25 abril 2018
Silleda

O Concello de Silleda volve colaborar con Solidariedade Galega co Pobo Saharaui (Sogaps) no marco do programa Vacacións en Paz. A presidenta de Solidariedade Galega co Pobo Saharaui, Maite Isla, acompañada polo respresentante do Deza, con Pablo Romeo, o tesoureiro da entidade Emilio Portela  e Mohamed Zerga, delegado Saharaui para Galicia, visitaron hoxe o Concello para formalizar a sinatura e foron recibidos pola concelleira de Benestar Social e Igualdade, Pilar Peón. 

Dende hoxe queda pois renovado o convenio co fin de regular o desenvolvemento do programa Vacacións en Paz 2018 durante os dous meses de verán, no que 5 nenos e nenas  do pobo saharaui estarán no municipio de Silleda.

Este convenio ten coma obxectivos principais garantir os dereitos e necesidades fundamentais dos rapaces e rapazas que visiten o municipio trasdezá dentro deste programa,  así coma asegurar a súa integridade física e emocional, respectar as súas crenzas, favorecer a integración no seu medio durante a estadía no país, respectar o marco legal dos dereitos dos menores e garantir o regreso ao seu país coas súas familias.

Mediante a firma deste convenio, o Concello de Silleda responsabilizarase da difusión do programa, entre outras cuestións. Tamén se fará cargo dunha parte do financiamento dos billetes dos nenos ( neste caso ca aportación de 1.000€), así coma da recepción dos nenos, a entrega ás familias acolledoras e a despedida dos mesmos unha vez que finalice a súa estadía no concello.

"Para Silleda é un orgullo continuar colaborando con esta iniciativa", indicou Pilar Peón, que lembrou tamén a relación consolidada con Sogaps a través de actividades coma o VI Mes Cultural de Axuda ao Pobo Saharaui, que se vén celebrando en Silleda dende hai xa 6 anos.

Pola súa banda a presidenta da asociación, Maite Isla, agradeceu ao Concello de Silleda a súa colaboración co programa Vacacións en Paz, que tantos beneficios reporta aos nenos e nenas que viven nos campamentos de refuxiados do Sáhara. "Con esta iniciativa os nenos e nenas saharauis, de entre 8 e 12 anos, poden disfrutar de dous meses de vacacións en Galicia con familias de acollida afastados das duras condicións de vida no deserto, ademais de asistir a revisións médicas", engade.

XXV Festival de Bandas

O VI Mes Cultural de Axuda ao pobo saharaui continúa este domingo ás 17:30 no auditorio da Semana Verde coa celebración do XXV Festival de Bandas de Música. Participarán a Banda e Vilatuxe, a de Gondomar (Portugal) e pechará a anfitriona, a Banda de Música Municipal de Silleda. O público poderá facer doazóns económicas voluntarias para o programa Vacacións en Paz e durante cada actuación proxectaránse tamén vídeos sobre a labor que está a realizar Sogaps.