Noticias

O Concello de Silleda licita o Plan de Mellora de Vías municipais por importe de 489.000€

As ofertas para esta actuación, ao abeiro do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra poden presentarse ata o vindeiro día 6 de febreiro.


11 xaneiro 2019
Silleda
Concello de Silleda

O Concello de Silleda vén de licitar un proxecto de mellora de varios viais municipais que se acometerá nos vindeiros meses e que suporá unha inversión de case 500.000 euros. O proxecto acometerase con cargo aos fondos que lle corresponden a Silleda dentro do Plan Concellos 2019. 

O anuncio de licitación e o prego de condicións foron publicadas onte xoves no Perfil do Contratante (tanto na web municipal como na Sede Electrónica do Concello) establecendo un prezo máximo de licitación de 489.361,54 euros (IVE incluído). As ofertas poden presentarse nun prazo de 26 días naturais contados a partir do día seguinte á publicación, co que o prazo rematará o vindeiro 6 de febreiro.

As obras teñen un prazo máximo de duración de dous meses, prevendo iniciarse a finais do vindeiro mes de febreiro. 

Encabeza  o listado de actuacións unha das grandes demandas dos últimos anos, a estrada que vai dende Piñeiro a Cira, na que se realizará unha reforma integral reforzando tamén  a seguridade deste vial que conecta estradas provinciais: a que vai dende Balboa a Ponteledesma e a que discorre pola parroquia de Piñeiro.

A inversión do Concello de Silleda neste vial será de case 290.000 euros en total. Ademais dunha nova capa de rodadura tamén se procederá ao pintado desta estrada e á colocación de bandas laterais nas curvas con máis desnivel. O proxecto inclue a construcción dun muro de contención nun dos tramos da estrada.

"A mellora da estrada de Cira, que ademais de comunicar esta parroquia co municipio nos une cos concellos veciños de Boqueixón e Vila de Cruces, era unha das actuacións máis esperadas e necesarias, polo tráfico que soporta esta estrada, -que pese a ser municipal ten todas as condicións para ser un viario supramunicipal-, e pola falla de seguridade nalgún punto", explica o alcalde, Manuel Cuiña.

Na parroquia de Escuadro tamén se acondidionará o tramo de Penadauga, e a pista de acceso ao lugar de Férveda. Outro dos viais a mellorar nesta zona será a da pista do Rañadoiro, que une a parroquia de Escuadro ca de Rellas.

En Negreiros o proxecto contempa a mellora no lugar de O Campo, mellorando outro dos tramos que se atopan en mal estado.

En Laro acondicionarase o vial que via dende a rotonda de Freixeiro ata o lugar de Galán e en Cortegada levarase a cabo a mellora da pista de Framiñán, dende a igrexa (onde xa se realizou unha mellora do entorno) en adiante.

O lugar de Toxa, pertencente á parroquia de Silleda é outro dos núcleos que se mellorarán con este plan de actuación, acondicionando a pista que vertebra esta localidade.

"Esta será unha das actuacións máis ambiciosas dos últimos anos. Sabemos que hai outras moitas pistas que tamén necesitan reparacións, pero temos unha das redes viarias municipais máis extensas, cuns 1.000 kilómetros de pistas, e trataremos de ir realizando actuacións en todas as parroquias na medida do posible", indica Manuel Cuiña, que lembra que nesta lexislatura o goberno municipal realizou una aposta forte pola mellora varia "con varias actuacións en aglomerado en quente e reformas máis amplas e ambiciosas", engade.