Co Plan ReacPon da Deputación Moraña poderá recuperar espazo público para as persoas nun tramo da rúa 6 e no camiño ao núcleo rural de Mos

O convenio  para o proxecto, asinado coa presidenta Carmela Silva, conta cun orzamento de máis de 196.000 € dos que a Deputación achega máis de 176.000

O alcalde, José Cela, agradeceu o apoio da Deputación para poder executar esta mellora e cualificou ao ReacPon como “unha oportunidade para facela realidade”

18/01/2022

“O ReacPon é unha oportunidade para poder facer realidade a mellora do núcleo de Moraña” asegurou o alcalde José Cela na sinatura do convenio coa presidenta Carmela Silva para a recuperación do espazo público para as persoas nun tramo da rúa 6 e no camiño ao núcleo rural de Mos. Esta actuación, que apostará pola eficiencia enerxética, a accesibilidade e a mobilidade amable, será posible a través dun investimento de 196.109,12 € dos cales a Deputación achega 176.498,21 € no marco do  plan ReacPon.

A presidenta Carmela Silva, amosou a súa satisfacción de que a Deputación poida ser quen impulse “esta transformación que a veciñanza desexa e lideran os concellos”, e cualificou esta actuación de ”fundamental” xa que vai “dotar de maior calidade de vida á cidadanía a través dun espazo máis humano e que tamén fará máis atractiva a vila para as persoas que a visitan”. Destacou que a reforma enmárcase ademais “nos grandes proxectos e transformacións que a Deputación quere que se desenvolvan en todos os concellos da provincia, centrados no eficiente emprego do espazo urbano, na seguridade e mobilidade peonil”. Tamén fixo fincapé na aposta pola eficiencia enerxética no proxecto, poñendo en valor “o esforzo” que están a facer os concellos “por minimizar o impacto no medio ambiente”, e agradeceu aos gobernos locais da provincia a súa “capacidade para presentar e executar proxectos, cumprindo coas bases tan esixentes do ReacPon”.

Para a presidenta é unha necesidade aprobar proxectos extraordinarios como o ReacPon. “Son moi consciente –asegurou- de que o Plan Concellos é fundamental, é o instrumento que teñen os concellos para facer fronte a gastos ordinarios, pero certo é que o mundo local ten moitos proxectos e precisa recursos extraordinarios, que aprobamos cada ano, para que poidan levar a cabo grandes actuacións que non se poderían acometer sen eles”. Deste xeito recordou que, amais do ReacPon, Moraña ten xa recibido recursos destes plans extraordinarios para a reforma do novo centro sociocultural no edificio da antiga Praza de Abastos, ao que a Deputación achegou máis de 700.000 € a través do Plan de Reequilibrio, ou os 100.000 € que o goberno local recibiu do Plan Ágora para a reforma da rúa Arcebispo Lago.

Pola súa banda o alcalde, José Cela, agradeceu o apoio da Deputación  para poder executar esta mellora no núcleo de Moraña “que vai configurar un espazo amable e eficiente enerxeticamente, para o desfrute das persoas”. Recordou que a actuación sitúase “nun lugar moi concorrido, a carón dun espazo como é o multiusos, acondicionado con outra subvención da Deputación, e preto do espazo onde se celebra a feira e a Festa do Carneiro ao Espeto”. Tamén adiantou que a esta actuación “váiselle dar continuidade con outro proxecto, para unir este espazo coa rúa 1 en dirección a Cuntis, o que permitirá converter ao núcleo nun lugar de referencia, nun espazo moi atractivo para que a xente o visite”.

O proxecto
A actuación suporá remodelar a principal vía de articulación e conexión entre a zona sur e norte do centro urbano e entre os dous polígonos industriais, así como a unión entre Santa Lucía e os núcleos de Mos e As Casiñas. Trátase dun tramo de 270 metros con moita actividade, moi transitado e cun deseño actual inseguro, cun pavimento moi deteriorado e que non favorece a vida social, nin a comunicación.

A través da actuación mellorarase o espazo urbano para convertelo nun lugar máis seguro para as persoas. Eliminaranse as barreiras arquitectónicas para dotar á zona de maior accesibilidade e recuperarase o espazo para o tránsito peonil con plataformas únicas que darán prioridade ás persoas e facilitarán a actividade comercial. Tamén se creará unha senda peonil cara o núcleo rural de Mos e novo sistema de abastecemento de auga, saneamento de residuais e pluviais e iluminación eficiente.

 

videos