A Deputación fai posible en Mos co Plan ReacPon a reforma integral da biblioteca e dos xulgados da Porteliña

A nova biblioteca únese aos equipamentos e dotacións financiadas pola Deputación en Mos onde os investimentos provinciais nos últimos 6 anos superaron os 9 millóns de euros

A alcaldesa Nidia Arévalo expresou o seu agradecemento “porque hoxe podemos poñer en marcha un soño, é un gran día para Mos”

18/01/2022

A nova biblioteca de Mos levará a rúbrica da Deputación de Pontevedra. “Hoxe é un gran día para Mos, un día moi importante porque podemos poñer en marcha un soño”. Así se manifestou a alcaldesa Nidia Arévalo no Pazo Provincial da Deputación, no acto de sinatura coa presidenta Carmela Silva do convenio que suporá a reforma integral do edificio da biblioteca municipal e os xulgados na Porteliña, ao abeiro do Plan Provincial ReacPon. A actuación, que converterá ao inmoble nun edificio eficiente dotado de enerxías alternativas e que levará o nome da poeta María Magdalena Domínguez, suporá un orzamento de case medio millón de euros, (481.375,53€), dos que a Deputación aporta o 75%, 361.031,65 euros, e o Concello 120.343,88. Esta importante inversión únese aos máis de 9,2 millóns de euros que a institución destinou a Mos nos últimos 6 anos, a máis alta da Deputación neste concello.

A presidenta Carmela Silva considerou unha satisfacción contribuír dende a Deputación a este proxecto  de Mos que concorreu ao Plan ReacPon “que permite que todos os concellos poidan recibir recursos extraordinarios para desenvolver actuacións que non sería posible levar a cabo sen fondos extraordinarios”. Deste modo todos os concellos teñen as mesmas oportunidades sen ter en conta a cor política. A presidenta sinalou que coñeceu pola prensa que a Xunta de Galicia vai achegar outros 200.000 euros para este proxecto da biblioteca e os xulgados e, nesa liña, animou a tódolos concellos que teñen acadado as subvencións do ReacPon a presentar tamén os seus proxectos á administración autonómica. As propias bases do Plan sinalan que no caso de participación doutras administracións con financiamento destinado á mesma finalidade redúcese a aportación proporcional que achegan concello e Deputación o que permite ao Concello usar eses recursos é a Deputación a tomar as decisións pertinentes.

Pola súa banda, Nidia Arévalo, explicou que Mos tiña o proxecto “algo traballado”, que o acelerou cando a Deputación puxo en marcha o Plan o pasado verán e que “suporá a transformación extraordinaria dun espazo que estaba obsoleto”. Avanzou que espera “que despois do verán poidamos ter unha apertura de portas dun edificio que será moderno, agradable e do que sentiremos moito orgullo”, e puxo en valor o traballo da arquitecta, Fani Grandal. Arévalo agradeceu tamén á Deputación o Plan Concellos bianual 2022-23, “que nos permitirá seguir cambiando Mos” e a concesión da subvención do ReacPon para este proxecto da biblioteca.

María Magdalena Domínguez

A alcaldesa confirmou que a nova biblioteca levará o nome da poetisa María Magdalena Domínguez, “un exemplo de muller loitadora e culta que tivo que superar barreiras na súa vida persoal e que non puido dar a coñecer a súa obra ata que foi moi maior, rachando barreiras e respondendo ao perfil das mulleres que rompen”. Carmela Silva considerou “moi acertada” a idea de que unha muller poeta, autodidacta e loitadora, dea nome a un edificio proxectado por outra muller. “Cómpre visibilizar as mulleres dando os seus nomes aos espazos públicos”, destacou, “xa hai moitos espazos con nomes masculinos e moi poucos con nomes de muller”.

O proxecto

Na nova biblioteca manteranse os usos existentes no edificio pero mellorando as condicións de confort e configurando espazos máis habitables, eficientes, accesibles e sostibles, creando espazos abertos que garantan o seu desfrute a nivel social, cultural e de ocio. Empregaranse enerxías alternativas para a súa climatización. Será un edificio eficiente e para elo mellorarase tanto o illamento térmico da envolvente (fachadas e cubertas), como as instalacións de calor e frío (que contarán cun sistema de bomba de calor aerotérmica). Contará con iluminación con tecnoloxía led e novas instalacións eléctricas, amais de nova carpintería en aluminio con rotura de ponte térmico, que garantirá as condicións térmicas óptimas no interior.

O proxecto aposta por manter as condicións do núcleo rural da Porteliña, así como a morfoloxía do asentamento e da tipoloxía de edificacións do lugar. Basearase en materiais, colores e formas construtivas tradicionais, con granito rosa do Porriño, elementos estruturais en formigón, zonas acristaladas e unha nova cuberta metálica. Empregaranse “materiais desnudos” que parten da fachada de pedra actual e de elementos estruturais de formigón e introdúcense metais como o zinc ou o aluminio anodizado natural.

O interior da biblioteca manterá a mesma esencia que o exterior pero, neste caso, será a madeira a protagonista para darlle maior calidez. Así, disporanse mobles a media altura que irán moldeando o espazo para conseguir ambientes máis reducidos e confortables pero sen romper o contacto visual do espazo na súa totalidade.

 

videos