O Plan ReacPon da Deputación de Pontevedra fai posible a reforma integral da Casa do Concello de Cerdedo-Cotobade

A actuación financiada polo plan provincial mobilizará case medio millón de euros para dotar o edificio de eficiencia enerxética, optimizar as instalacións, dignificalas e adecualas ás necesidades actuais

24/01/2022

“Grazas á Deputación porque con este plan poderemos ter en óptimas condicións un edificio de xestión fundamental, gozando de mellores usos, comodidade para o persoal e unha mellor infraestrutura para a veciñanza”. Así se pronunciou hoxe o alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, no acto de sinatura coa presidenta Carmela Silva e o vicepresidente César Mosquera do convenio para facer posible a reforma integral da Casa do Concello, ao abeiro do Plan ReacPon, o Plan de Recursos Extraordinarios que a institución puxo en marcha para reactivar a economía. A ambiciosa actuación, que se espera poida estar rematada en abril, conta cun orzamento de case medio millón de euros, 489.989,51 €, dos que a Deputación aporta o 80%, 391.991€, e suporá a intervención integral do edificio para dotalo de eficiencia enerxética, dar solución a máis espazos, modernizar e acometer a optimización das instalacións, e unha nova estética que dignifique o edificio e o adecúe ás necesidades actuais.

A presidenta Carmela Silva valorou que grazas ao ReacPon Cerdedo-Cotobade “aforrará recursos, prestará unha atención máis próxima e íntima á cidadanía e dará unha alternativa de mobilidade ás persoas maiores”. Asegurou que “as Casas do Concello teñen que ser lugares moi dignos, porque son as casas da veciñanza e porque desde aí préstanse servizos que deben ser adaptados, con edificios modernos, accesibles e que resolvan as dificultades que teñen todos os concellos e contra os que levan anos loitando. Cómpre lembrar que estas edificacións son un elemento de orgullo especialmente nos concellos pequenos e rurais, son edificios emblemáticos e precisan un tratamento digno”.  A presidenta tamén sinalou “o grande esforzo que están facendo os concellos para que o procedemento sexa o máis breve posible”, o que se amosa en que “levamos xa máis de 20 c0nvenios do ReacPon asinados”. Grazas ao ReacPon “antes de abril Cerdedo-Cotobade terá unha Casa do Concello como merece e agardo poder inaugurala visitando o novo balcón, que será tamén un elemento de dignificación do inmoble”.
O alcalde, Jorge Cubela, agradeceu a presidenta e o vicepresidente a presentación e sinatura deste convenio, que “suporá un esforzo moi importante por parte do concello para poder levar adiante a modernización dunha infraestrutura fundamental para a veciñanza”. O rexedor sinalou que en máis de 50 anos o edificio apenas tivo obras e melloras de conservación, polo que “desde o punto de vista da eficiencia enerxética, a organización administrativa e do cadro de persoal facía falla unha volta de torca”. Cubela asegurou que malia poder ter presentado outros proxectos ao ReacPon, escolleuse esta reforma xa que “era unha necesidade que nos pedían tanto as traballadoras e traballadores como a veciñanza”.
Pola súa banda, o vicepresidente César Mosquera manifestouse moi satisfeito do resultado do ReacPon e destacou que supuxo un antes e un despois na maneira de traballar dos concellos, que deron conta das esixencias da Deputación presentando proxectos traballados e ben feitos. “É un salto moi positivo para as xestións do futuro. Parabéns a todos os concellos”, subliñou. Indicou que á hora de poñer en marcha o plan queríanse “encaixar” varias cuestións: poñer fondos para reactivar a economía, que os proxectos cumprisen os requirimentos para optar a fondos europeos, que as valoracións fosen obxectivas por parte de funcionarios, e que ao achegar fondos extraordinarios se puidesen cumprir os soños de alcaldesas e alcaldes para facer fronte a actuacións non ordinarias. “Seguro que Cerdedo-Cotobade levaba dando voltas para arranxar a Casa Consistorial”, apuntou.

O proxecto

A Casa Consistorial de Cerdedo-Cotobade é un edificio singular que data de principios dos anos 70, e que presenta deterioracións e circunstancias a mellorar, como as instalacións de electricidade, calefacción ou servizos dixitais. O Plan ReacPon suporá a intervención integral coa que o Concello resolverá a carencia de eficiencia enerxética, a súa necesidade de máis espazos e dunha mellora funcional. Entre as actuacións, dotarase de illamento térmico ao inmoble, renovarase a produción de auga quente, mudarase a distribución dos andares (mudarán de lugar, por exemplo, o ascensor ou o Salón de Plenos), crearase unha nova imaxe para a fachada principal  ou tamén se recuperará o contraste entre o granito e os panos pintados de branco, senlleiro na arquitectura clásica galega.