Noticias

"SmartPeme" ofrece en marzo sete novas accións formativas no Edificio Administrativo da Deputación de Pontevedra

O programa de asesoramento no ámbito das TIC da Deputación de Pontevedra está destinado ás persoas emprendedoras, autónomas e ás pemes da provincia


04 marzo 2019
SmartPeme Pontevedra

A oficina de "SmartPeme" na cidade de Pontevedra, situada no Edificio Administrativo da Deputación, acolle durante o mes de marzo un total de sete accións formativas para a adaptación das empresas e proxectos emprendedores da provincia ao novo escenario dixital. Deste xeito, "SmartPeme" oferta ás persoas emprendedoras e pemes da provincia unha serie de servizos de información, análise, asesoramento, capacitación, demostración, acompañamento e titorización no ámbito das TIC, sempre da man das propias implicadas e implicados e coa colaboración das asociacións de empresarias e empresarios e de mozas e mozos autónomos.

O primeiro dos cursos será "Crea e deseña a identidade da túa empresa desde cero", que se desenvolverá o martes 5 de marzo a partir das 19.00h. O seguinte será o xoves desa mesma semana, cando a partir das 17.00h terá lugar o obradoiro "Xestión e comercialización de vivendas e apartamentos turísticos". O terceiro curso será "Bokeh, domina a técnica do desenfoque seletivo", que terá lugar o martes 12 de marzo ás 17.00h. Esa mesma semana, Pontevedra acollerá "Consideracións á hora de crear o teu modelo de negocio", o xoves 14 de marzo tamén ás 17.00h. O obradoiro "Emprego de 3D en vídeos corporativos ou promocionais", chega o xoves 21, ás 19.00 horas. Por último, o martes 26 de marzo ás 17.00h terá lugar o curso "A innovación como ferramenta para as pemes" e o xoves 28, á mesma hora, "Iniciación á impresión 3D. Que podo facer e como".

A oficina "SmartPeme" de Pontevedra, no Edificio Administrativo da Deputación e as inscricións pódense facer no número de teléfono 886 20 20 20, o correo electrónico info.smartpeme@depo.es ou a páxina web www.smartpeme.depo.gal.