Noticias

SmartPeme ofrece en xullo catro novas accións formativas no Edificio Administrativo da Deputación de Pontevedra

O programa de asesoramento no ámbito das TIC da Deputación de Pontevedra está destinado ás persoas emprendedoras, autónomas e ás pemes da provincia


07 xullo 2019
Smartpeme Pontevedra

A oficina de SmartPeme na cidade de Pontevedra, situada no Edificio Administrativo da Deputación de Pontevedra, acolle durante este mes de xullo catro accións formativas para a adaptación das empresas e proxectos emprendedores da provincia ao novo escenario dixital. Deste xeito, SmartPeme oferta ás persoas emprendedoras e pemes da provincia unha serie de servizos de información, análise, asesoramento, capacitación, demostración, acompañamento e titorización no ámbito das TIC, sempre da man dos propios implicados e implicadas e coa colaboración das asociacións de empresarios e empresarias e de mozos e mozas autónomas.

O primeiro dos cursos será Crea unha Páxina Profesional con Wordpress, que se desenvolverá o martes 9 de xullo a partir das 18.00 horas. O seguinte será o martes 16, cando a partir das 19.00 horas terá lugar o obradoiro Plugins de WordPress para Mellorar a túa Web. O terceiro curso será Crea a túa Tenda en liña con Prestashop, que terá lugar o martes 23 de xullo, ás 18.00 horas. Por último, o martes 30, ás 18.00 horas terá lugar o curso Ferramentas de Google para a Promoción de Negocios Locais.

A oficina SmartPeme de Pontevedra, no Edificio Administrativo da Deputación, atópase na Gran Vía de Montero Ríos, s/n e as inscricións pódense facer no número de teléfono 886 202 020, o correo electrónico info.smartpeme@depo.es ou a páxina web www.smartpeme.depo.gal.