A Deputación traslada a súa solidariedade ás persoas afectadas polos incendios

Medios e persoal do Consorcio Provincial sumáronse desde a fin de semana ao operativo que está a traballar nas zonas de Lugo e Ourense máis castigadas polo lume

20/07/2022

A Deputación de Pontevedra trasladou o seu apoio e solidariedade coas persoas afectadas polos virulentos incendios que asolan diferentes zonas das provincias de Lugo e Ourense, así como cos efectivos que están a loitar contra o lume, que de momento non dá tregua, especialmente nas zonas do Folgoso no Courel e en Valdeorras.

A institución provincial desprazou xa desde a pasada fin de semana unha dotación de persoal e medios materiais á zona máis afectada de Folgoso, en Lugo, tras a chamada da Dirección Xeral de Emerxencias da Xunta de Galicia para solicitar a axuda, e mobilizou un operativo do Consorcio Provincial Contra Incendios para desprazarse ao Courel onde seguen a traballar a día de hoxe.

En concreto, o Consorcio trasladou á zona asignada do núcleo de Folgoso dous camións nodriza e un BRP (Bomba Rural Pesada) con efectivos do Parque Contra Incendios de Ribadumia, unha vez reorganizado o servizo especialmente co Parque de Vilagarcía, que está na mesma isocrona, para dar cobertura ao territorio no caso de rexistrarse algunha incidencia