Noticias

Son galego, son cubano chega esta noite a Cangas da man do programa da Deputación "Musigal" 2019


27 agosto 2019
Musigal

O Concello de Cangas acollerá este martes 27 de agosto o espectáculo do músico galego Roi Casal Son galego, son cubano no marco do programa da Deputación de Pontevedra "Musigal" 2019, vinculado á área de Cultura. O show de Roi Casal con letras de Neira Vilas, que se puxo en escena por primeira vez no Gran Teatro da Habana e que se desenvolve ao abeiro da programación das Festas do Cristo, terá lugar hoxe ás 22.30 horas nas naves de Ojea

"Musigal" naceu co obxectivo de favorecer a programación artística por parte dos concellos e diríxese especificamente aos grupos e artistas profesionais de música. Un dos seus obxectivos é a dinamización da lingua galega, pois busca favorecer a vivencia positiva no noso idioma e contribuír á posta en valor da lingua galega e ao incremento do seu uso e prestixio, á socialización en galego da infancia e da mocidade e á toma de consciencia sociolingüística da poboación da provincia de Pontevedra.

Este 2019 participan no programa da institución provincial máis de 100 grupos e artistas con domicilio social en Pontevedra. Esta segunda edición do programa, que conta cun orzamento de 500.000 euros, incrementou notablemente as solicitudes de inscrición con respecto á primeira edición, que arrancara con 70 inscritos. Como o ano pasado, existen seis categorías musicais: "Son muller", na que poden inscribirse grupos nos que polo menos o 60 % das persoas integrantes e a vocalista sexan mulleres; "Son crianza", para grupos con espectáculos dirixidos ao público infantil e familiar; "Son mocidade", para grupos nos que polo menos o 60 % das persoas integrantes sexan menores de 35 anos; "Son tradición", para grupos de música tradicional galega; "Son clásico", para grupos de música clásica que teñan no seu repertorio composicións de autoras e autores galegos, e "Son actual" para grupos de pop, rock, hip hop e música electrónica.