A Deputación destina preto de 140.000 euros a 27 concellos da provincia para que presenten proxectos á convocatoria do PIREP local

Os municipios de menos de 50.000 habitantes poderán financiar así os gastos das asistencias técnicas que se contraten para preparar a documentación e solicitar axudas para rehabilitar edificios públicos

30/06/2022

O goberno da Deputación de Pontevedra aproba esta semana as subvencións por valor de 138.651 euros para que concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia poidan sufragar os gastos derivados das asistencias técnicas que contraten para preparar a documentación necesaria para a presentación de solicitudes de subvención e/ou, no seu caso, redactar e adaptar os proxectos de investimento que se poidan acoller á convocatoria Programa de Impulso á Rehabilitación de Edificios Públicos (PIREP local), convocado no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR).

En concreto, a Deputación creou esta liña extraordinaria de subvencións para axudar ao mundo local a redactar estes proxectos, así como elaborar a documentación técnica dunha convocatoria tan complexa. A achega provincial repártese en dúas liñas específicas. A primeira, á que se acolleron 9 concellos da provincia, está dirixida a aqueles que obtiveron subvención provincial no marco do programa ReacPon para a rehabilitación de inmobles municipais. Por outra banda, a modalidade B, que beneficia a dezaoito concellos da provincia, subvenciona a redacción de proxectos aos concellos que opten por outras actuacións no marco do PIREP local.

En total, son 27 municipios con menos de 50.000 habitantes os que reciben esta axuda, cun valor total de 138.651 euros, cantidade que cobre o orzamento de actuación subvencionable solicitado por todos os concellos. En concreto, Arbo, A Cañiza, Cerdedo-Cotobade, Covelo, Fornelos, Gondomar, O Grove, A Guarda, Meaño, Meis, Moaña, As Neves, Oia, Pazos de Borbén, Poio, Ponteareas, O Porriño, Ribadumia, O Rosal, Salceda, Silleda, Soutomaior, Tomiño, Tui, Valga, Vilaboa e Vilanova de Arousa.