A Deputación aproba achegas por valor de 108.000 € para que asociacións promovan iniciativas a favor da igualdade e contra as violencias machistas

Carmela Silva: “Nunha semana aprobamos recursos por valor de 338.000 € para seguir avanzando e dando pasos cara a igualdade entre mulleres e homes”

13/03/2022

Xunta de Goberno

Se a pasada semana foi a quenda dos concellos, aos que se destinaron 230.000 € para a posta en marcha de iniciativas a favor da igualdade e contra as violencias machistas no 2022, a Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra ven de aprobar agora outros 108.000 € para que asociacións e entidades sociais sen ánimo de lucro da provincia promovan proxectos e actuacións no mesmo ámbito.  “Nunha semana – remarcou a presidenta Carmela Silva – temos aprobado recursos por valor de 338.000 € para seguir avanzando e dando pasos cara a igualdade entre mulleres e homes e a loita contra as violencias machistas”.

Con esta liña de axudas, as entidades sociais poderán presentar proxectos de sensibilización, formación e prevención da violencia de xénero; atención integral a vítimas da violencia machista, fillas, fillos e persoas dependentes ao seu cargo; actuacións destinadas a mulleres en situación de especial vulnerabilidade e con singulares dificultades; actividades para favorecer e fomentar a igualdade entre mulleres e homes; proxectos encamiñados a mellorar a formación e a orientación para o emprendemento e a inserción laboral das mulleres; accións dirixidas a crear redes e servizos de apoio que favorezan a conciliación; e a promoción de campañas de difusión e sensibilización da cidadanía en materia de igualdade.

As entidades e asociacións sociais sen ánimo de lucro poderán presentar as súas solicitudes dende o día seguinte ao da publicación da convocatoria destas bases no Boletín Oficial da Provincia. No 2021 28 entidades sociais de 9 concellos da provincia puideron desenvolver proxectos en materia de igualdade e contra as violencias machistas ao abeiro desta liña de axudas da Deputación de Pontevedra.

audios