Noticias

Todo preparado en Vilagarcía de Arousa e Marcón para as finais da Copa Deputación de Fútbol

Pontevedra 'B' e Pontellas xogarán a final masculina este mércores na Lomba, e Umia e Valladares disputarán o título da final feminina o 5 de xuño, no Carrasco


28 maio 2019
Copa Deputación de Fútbol

As finais da Copa Deputación, ás que asistirá a presidenta da institución provincial, Carmela Silva, xa están servidas tras tres meses de actividade nos que preto de 140 equipos da provincia pelexaron por chegar ao partido polo título. O récord de participación no torneo marcouse grazas á inscrición de 119 equipos masculinos e 19 femininos.

Tras a disputa das rondas previas na competición masculina, finalmente o Pontevedra CF 'B' e CD Pontellas xogarán a final, que disputarase este mércores, 29 de maio, ás 21 h, no Campo de Fútbol da Lomba, en Vilagarcía de Arousa. Unha semana despois, farán o propio en categoría feminina o Umia CF e o CD Valladares. Será o mércores 5 de xuño, tamén ás 21 h, no Campo do Carrasco, en Marcón

No caso da final masculina, será en Vilagarcía onde decidirase o gañador, que este ano terá novo vencedor despois de que o CD Choco, campión das catro últimas edicións, quedase eliminado en semifinais ante o Pontellas (2-0). Se o club porriñés é finalista como gañador da zona sur, na norte foi o filial granate, o Pontevedra CF o que clasificouse tras vencer 1-0 ao Marcón Atlético.

Pola súa banda, o Campo de Carrasco en Marcón, Pontevedra, será escenario da final feminina, que enfrontará ao Umia CF co CD Valladares. Ambos equipos alcanzaron a final da Copa Deputación de Pontevedra tras gañar con certa autoridade os partidos de semifinais, xogados a finais de abril.

O equipo de Ribadumia, que xa chegou á final a pasada edición, foi o que obtivo unha vitoria máis contundente, vencendo ao Viajes Interrías Fútbol Feminino por 4 a 1. Pola súa parte, o conxunto vigués derrotou por 2-1 ao Sárdoma CF nun partido que xa dominaban 2-0 nos primeiros minutos da segunda metade. O campión da pasada edición, o Atlántida Matamá, caeu nesta ocasión na eliminatoria de cuartos de final tras un partido moi igualado ante o Sárdoma CF.

Fotos