Noticias

Todo preparado no Verbum de Vigo para a II Xornada TurisTIC na que referentes do sector de todo o Estado debaterán sobre turismo intelixente

Máis de 200 persoas especialistas en turismo e tecnoloxía buscarán este mércores soluciones para mellorar a xestión dos destinos e a súa accesibilidade


09 abril 2019
TurisTIC

O museo Verbum de Vigo acollerá este mércores a II Xornada TurisTIC, organizada pola Deputación de Pontevedra, que ten por obxectivos impulsar a competitividade do sector turístico e incrementar a aposta por solucións tecnolóxicas para mellorar a súa xestión, accesibilidade e sustentabilidade. Máis de 200 persoas especialistas de todo o Estado e representantes dos concellos da provincia participarán nun evento que converte á provincia de Pontevedra nun referente no debate sobre os destinos turísticos intelixentes. A xornada poderá seguirse en directo por streaming a través da web da Deputación www.depo.gal

A presidenta, Carmela Silva, abrirá ás 9:30 horas a xornada que este ano conta coa colaboración da Zona Franca e que amplía o seu programa lanzando, en colaboración con Minube e SmartPeme, o Desafío Hackaton DESTInno, unha iniciativa que repartirá 4.500 euros en premios ás persoas  creadoras das mellores solucións tecnolóxicas para fortalecer a eficiencia dos destinos turísticos. O proxecto Desafío DESTInno nace coa intención de fortalecer a integración das TIC na xestión do turismo, garantindo a calidade e satisfacción das e os visitantes e as comunidades locais e demostrando que, se se xestiona ben, o turismo actúa como axente de cambio. As 28 persoas inscritas traballaron desde o luns na sede da Deputación en Vigo e as persoas gañadoras expoñerán este mércores o seu proxecto como peche da II Xornada TurisTIC.

Nas sesións, o primeiro relatorio analizará a imprescindible colaboración entre o sector público e privado e contará coa participación de Carmela Silva, o alcalde de Vigo, Abel Caballero, o delegado da Zona Franca, David Regades, o responsable do Sistema de Xestión no aeroporto de Vigo, Javier Yagüe, e o director xeral de Instituto para a Calidade Turística Española, Fernando Frade. Ao longo do día analizaranse exemplos concretos de proxectos turísticos intelixentes cos e coas responsables de Eco Hotel Nós, Piragüilla Lecer e Aventura e Viaxes Arqueolóxicas e está programada unha charla sobre a importancia de xestionar os datos dos usuarios de servizos turísticos por parte do xerente de Márteting de Cloud, Blockchain & Big Data en Telefónica, Enrique González Lezana. O xerente de Desenvolvemento de Produtos de AENOR, Sergio González, a xefa de Proxectos de Segittur, Edurne Vidal, e Iñaki Gaztelumendi, experto en turismo e presidente de Spain Live Music, intervirán nunha mesa redonda sobre a gobernanza dos destinos intelixentes.

A edición deste ano de TurisTIC introduce como novidade o Centro de Demostración de Solucións Tecnolóxicas que pretende servir de escaparate ao tecido empresarial e que logrou ocupar os 15 expositores ofertados. Neste punto as persoas participantes poderán interactuar e expor as súas solucións ao resto do sector turístico da provincia.

TurisTIC é unha iniciativa, enmarcada nas liñas do Plan estratéxico de turismo, para seguir apostando por un turismo de calidade, sustentable e innovador, que se referenda a nova posición da Deputación de Pontevedra como única entidade galega que é integrante da Comisión Executiva da Rede Nacional de Destinos Turísticos Intelixentes, organismo que definirá o modelo de turismo do futuro.