Noticias

Todo preparado para a gala dos III Premios Provinciais á Xuventude que o día 28 porá en valor o talento da xente máis nova da provincia

No evento, ao que asistirán representantes dos 61 proxectos participantes, terá especial relevancia a concienciación cos obxectivos de desenvolvemento sostible


22 novembro 2019
/premios-provinciais-a-xuventude

O vindeiro xoves 28 de novembro o Pazo provincial acollerá a gala da terceira edición dos Premios Provinciais á Xuventude, iniciativa promovida pola Deputación de Pontevedra. Así o anunciou en rolda de prensa a presidenta da institución provincial, Carmela Silva, que tamén explicou que "estes premios foron creados para promover o talento e o potencial da mocidade da nosa provincia, a innovación e creatividade das rapazas e rapaces, e premiar o seu compromiso para construír un mundo mellor". Dita gala estará presentada por Silvia Penas, recoñecida escritora galega que ten participado en numerosos recitais do colectivo das Redes Escarlata, colectivo sociocultural ao que pertence.

A presidenta detallou que na Gala "terán unha especial relevancia os obxectivos de desenvolvemento sostible, principalmente porque o público xuvenil é o máis sensibilizado co cumprimento dalgúns destes obxectivos, como erradicación da pobreza, igualdade e acción polo clima". Neste senso encádrase a invitación a Nee Barros, alumno de 17 anos do IES Frei Martín Sarmiento, coorganizador da manifestación pola defensa climática de setembro e galardoado en numerosos certames literarios, e que participará cun vídeo con imaxes e mensaxes sobre os ODS. Ademais, esta terceira edición chega coa novidade da categoría adiada a "Deseño e Moda". De feito, Carmela Silva acudirá á gala cun vestido elaborado por unha alumna da Escola de Estudos de Deseño Téxtil e Moda de Galicia. Sobre esta circunstancia Silva sinalou que "sempre pensei que as e os responsables políticos temos que ter xestos e ter a valentía de amosar toda a riqueza creativa".

Nesta edición presentáronse 61 proxectos para as 8 categorías que conforman os premios. Este ano a Deputación de Pontevedra outorgará ás premiadas e premiados 22.000 euros repartidos do seguinte xeito: "Iniciativa social", 2.250 euros; "Iniciativa empresarial", 2.500 euros; "Contido dixital", 3.000 euros; "Educación en valores", 2.250 euros; "Traballo musical", 3.000 euros divididos nas subcategorías de música clásica e outros xéneros musicais; "Traballo literario", 4.500 euros divididos en tres modalidades, narrativa, poesía e banda deseñada; "Fotografía orixinal", 3.000 euros divididos en serie fotográfica e fotografía orixinal, e por último "Deseño e moda", 1.500 euros. Os trofeos serán elaborados pola Escola de Cantería da Deputación de Pontevedra, e tamén actuará Pablo Lesuit, músico, cantante e compositor galego que acaba de participar en festivais como PortAmérica, Sonorama, Festival da Luz ou Festival Noroeste e de levar a cabo unha xira por Latinoamérica.

Os III Premios Provincias á Xuventude están dirixidos a mozas e mozos de entre 15 e 35 anos. No caso da modalidade de educación en valores, destínanse aos centros de educación secundaria da provincia de Pontevedra en cuxos proxectos participen alumnas e alumnos con idades comprendidas entre os 12 e 18 anos.