O proxecto da Deputación “Tourist Inside”, recoñecido co premio Tourist 2022 á Innovación da Oferta Turística

Na Gala celebrada en Benidorm, AMETIC, patronal da industria dixital española, destacou a importancia do proxecto para mellorar a oferta turística grazas ao emprego das tecnoloxías

09/06/2022

Premios Benidorm

Avanzar na transformación da provincia de Pontevedra como Destino Turístico Intelixente é o obxectivo do proxecto “Tourist Inside”, posto en marcha pola Deputación de Pontevedra, e que vén de recibir o Premio Digital Tourist 2022 na categoría de Innovación da Oferta Turística de man de AMETIC, a patronal da industria dixital en España. A deputada de Turismo, Ana Laura Iglesias, recibiu o galardón en nome da institución provincial na gala que tivo lugar esta tarde no concello de Benidorm e que contou coa presenza de autoridades como o Secretario de Estado de Turismo, Fernando Valdés.

Trátase da IV edición destes galardóns, que cada ano identifican, valoran e recoñecen os mellores proxectos e experiencias da aplicación das tecnoloxías dixitais no ámbito do turismo. O xurado, presidido polo secretario de Estado de Turismo, e do que forman parte outros once membros destacables do ámbito público e privado, como o presidente de SEGITTUR, o alcalde de Benidorm, a Fundación ONCE ou o Consello de Turismo da CEOE, entre outros, decidiu galardoar ao proxecto “Tourist Inside” pola súa importancia á hora de mellorar a oferta turística do destino mediante o emprego intensivo das tecnoloxías dixitais que axudan a xerar novos produtos.

A presidenta da Deputación, Carmela Silva, expresou a súa ledicia “por un premio tan importante que nos volve a situar como referencia no Estado e que mostra que estamos a facer ben as cousas”. A presidenta sinalou que “levamos tempo facendo moitos esforzos na Deputación para converter á provincia nun destino intelixente cun modelo de colaboración en rede e este galardón é un novo acicate”.

O proxecto

“Tourist Inside”  ten un orzamento de 1.476.000 euros, dos que Red.es aporta un 60% (886.000 €) e a Deputación o 40% restante (590.000 €). Ademais, está cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) a través do Programa Operativo Plurirrexional de España (POPE). A proposta busca impulsar un modelo turístico intelixente, dixital, innovador, sostible e adaptado ás novas demandas das e dos turistas.

O obxectivo do proxecto é avanzar na transformación da provincia como Destino Turístico Intelixente grazas ao emprego das TIC e as ferramentas de dixitalización, impulsando o avance dixital da xestión e dando un salto de calidade para adaptarse ás necesidades das persoas viaxeiras e dos e das axentes turísticas. Trátase, precisamente, dunha das accións principais da Deputación de Pontevedra na implantación dun modelo de xestión sostible e intelixente.

Entre as actuacións que se levan a cabo ao abeiro do proxecto “Tourist Inside” destacan a transformación dixital das oficinas de turismo, a implantación de servizos dirixidos ao turista, a dixitalización do territorio a través do despregue de sensores e o equipamento TIC cun proxecto piloto de praia intelixente que se fará en Praia América no concello de Nigrán, a evolución de ferramentas dirixidas ao sector empresarial e a implantación dunha plataforma de interoperabilidade.

Precisamente, no momento actual trabállase na transformación dixital das oficinas de turismo da Rede Info Rías Baixas, coa instalación de tótems multimedia e con recursos interactivos que permiten ofrecer información á carta e achegar ás persoas visitantes as experiencias que poden vivir na provincia de Pontevedra.

Galerias de imaxes

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 13 resultados.