A Deputación aborda a primeira fase da transformación integral da estrada Mos-Puxeiros, cun investimento de preto de medio millón de euros

Carmela Silva: “Respondemos a unha demanda histórica cunha actuación que transformará por completo a estrada co modelo provincial de mobilidade amable e sostible. Vai quedar irrecoñecible”

02/08/2022

Mos

A Deputación vén de dar o primeiro paso para a mellora integral da EP-2601 Mos-Puxeiros coa presentación da fase inicial desta ambiciosa actuación para garantir a seguridade viaria e peonil nesta estrada e atender así unha demanda histórica da veciñanza. A presidenta provincial, Carmela Silva, acompañada da alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e de representantes da corporación municipal, de asociacións veciñais das catro parroquias polas que discorre o viario, dos presidentes da Comunidade de Montes e da Fundación Pazo de Mos, deu a coñecer hoxe este proxecto que, como subliñou, “dá resposta a unha demanda histórica. A actuación vai supoñer un antes e un despois nesta estrada, unha grande transformación na que a prioridades serán as persoas”.

A presidenta destacou que esta actuación integral dividiuse en catro tramos e decidiuse conxuntamente co Concello e coa veciñanza comezar polo treito de case 600 metros no que se inicia o viario e que discorre pola parroquia de Santa Eulalia, ao ser lugar de paso do Camiño de Santiago, “que debe ser unha prioridade, porque cada día se achega máis xente que o fai e queremos telo nas mellores condicións posibles”. As obras, que terán un orzamento de licitación de case medio millón de euros (446.545€) _que asumirá ao 100% a institución provincial xa que o 30% de aportación municipal financiarase co Plan Concellos_, garantirán espazos peonís continuos, cunha senda de 2,5 metros de ancho durante a maior parte da estrada, e contempla tamén a renovación do alumeado “con criterios de respecto ao medio ambiente e aforro enerxético” e de servizos como o saneamento.

Carmela Silva agradeceu a colaboración do Concello e a veciñanza “para dispoñer de todo o que precisabamos para poñer en marcha este novo modelo de infraestruturas provinciais” e anunciou que a partir deste momento “non pararemos ata rematar coa mellora do total de 5,6 quilómetros desta estrada”. Deste xeito, se está a traballar nas outras fases do viario “no que xa realizaramos cuestións de mantemento e seguridade pero que é certo como nos trasladou xa hai tempo a alcaldesa que había necesidade de actuar, porque como acontece nos outros 1.700 quilómetros de estradas provinciais, eran vías pensadas para os vehículos e non para as persoas. E ao longo da estrada hai moitos núcleos de poboación e vivendas, e a xente que vive nelas ten que ter espazos para transitar con seguridade, e tamén para camiñar”. A presidenta indicou que se espera licitar en setembro esta primeira fase, “e imos priorizala” para que as obras comecen neste 2022, mentres que xa se está a perfilar co Concello a segunda, cuxo proxecto está redactado e está agora pendente da consecución dos terreos necesarios para realizar a obra. “Espero que a veciñanza quede moi contenta, porque esta estrada vai quedar irrecoñecible”, sinalou, ao tempo que destacou a súa implicación, “porque ademais de facer a súa reclamación, comprometeuse no traballo”.

A alcaldesa Nidia Arévalo, amosou a súa satisfacción por “poñer xa data” á mellora da estrada, “unha demanda de hai moitísimos anos” e agradeceu o traballo conxunto “sempre da man” da Deputación e coa veciñanza “que estivo do noso lado buscando que o proxecto recollera as demandas de todas as parroquias e agora poñendo a disposición os terreos”. Destacou que “este ano poderemos ver iniciadas as obras nesta estrada, que é das máis transitadas por vehículos, e ten moita participación de persoas ao seu redor”, e lembrou que a EP-2601 transcorre por catro parroquias, “con catro igrexas, dúas escolas con moito alumnado e onde hai zonas con moita cultura e moita vida, co Pazo de Mos, o Centro Dotacional de Torroso, a Asociación de Veciños e Veciñas de Dornelas, e esa era a preocupación, nos atopabamos nunha estrada onde cada día camiña rapazada, persoas maiores, persoas peregrinas e urxíanos comezar”.

Indicou que esta fase inicial, que se desenvolverá entre a rotonda xunto o Pazo de Mos e a zona de entronque coa N-550, “era a máis urxente porque o Camiño trae máis persoas peregrinas”. “Isto –dixo en referencia ao proxecto presentado hoxe- xa é unha realidade e non remata aquí, senón que non fai máis que empezar”, tras anunciar que a seguinte etapa, na que xa están a colaborar a Deputación, Concello e veciñanza, se desenvolverá en Dornelas, “o tramo máis perigoso e con máis paso de persoas despois desta parte, e a Deputación foi razoable e así é como ten que ser”.

Primeira fase

A zona na que se actuará nesta primeira fase ten unha forte presión peonil, xa que na marxe dereita deste tramo se atopa o acceso ao paseo fluvial e ao parque infantil e na marxe dereita está a igrexa de Santa Eulalia, a entrada ao albergue para as persoas que peregrinan e o aparcamento e parque do Pazo de Mos. Deste xeito, as obras reforzarán a prioridade de paso para as e os viandantes coa execución dunha senda de 2,5 metros de ancho mínimo, desde a intersección do Camiño de Santiago e durante a maior parte da estrada.

A sección da calzada estará constituída por dous carrís cun ancho mínimo de 3 metros e beiravía na marxe esquerda, e as obras contemplan tamén a ordenación dos espazos e a renovación do pavimento. A circulación rodada suavizarase coa colocación tres pasos de peóns sobreelevados. A mellora completarase coa instalación de mobiliario como bancos e varanda, así como coa renovación da iluminación mediante o soterrado da liña e da instalación de novos puntos de luz con lámpadas LED para mellorar a eficiencia enerxética. Ademais, renovarase a recollida de pluviais.

Galerias de imaxes

videos

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 4 resultados.