Noticias

234 alumnos e alumnas de Secundaria asisten mañá á segunda proxección do programa "O Cine nas aulas"

Trátase dunha actividade posta en marcha polo Departamento Municipal de Prevención de Drogodependencias


04 novembro 2019
Tui
Concello de Tui

234 alumnos e alumnas de Secundaria de centros educativos de Tui van asistir mañá martes, 5 de novembro, á segunda proxección deste curso escolar do programa "O cine nas aulas" que realiza o Departamento Municipal de Prevención de Drogodependencias do Concello de Tui.

En concreto o alumnado e profesorado de 2º da ESO dos IES San Paio, Indalecio Pérez Tizón, Colexio Marista Santa María e Seminario Menor San Paio asistirán mañá á proxección da película no Teatro Municipal, e ao remate recollerán as Unidades didácticas coas que logo traballarán nas aulas os alumnos/as. 

Na película que van visionar trátase de forma respectuosa un tema tan difícil como a discapacidade intelectual. É divertida, chea de optimismo, fai pensar e emocionarse. Os seus protagonistas destacan pola súa humanidade, dignidade e xenerosidade.

A metodoloxía do programa do "O Cine nas Aulas" é que o profesorado  traballe o tema da prevención a partir das películas. Todo o material complementario que se lles facilita, serve como soporte para tratar as diversas temáticas transversais que aparecen en cada guía, xa que dende o Departamento Municipal de Prevención de Drogodependencias  considérase que o cine pode resultar un recurso de primeira magnitude para implementar estas cuestións, e facilita profundar noutros ámbitos transversais que resulten de interese de cada docente. Ao longo do curso trataranse temas como a amizade, a "normalidade", o alcohol ao volante, aceptar ao diferente e a relacionarse con persoas que saen dos cánones establecidos.

No segundo trimestre do curso o alumnado de Secundaria volverá ao Teatro Municipal para visionar a segunda película do programa.

O pasado 16 de outubro foron xa 274 alumnos e alumnas  de 5º e 6º de Primaria, do CEIP Pazos de Reis, CEIP Nº1, CEIP Nº2, CEIP de Randufe e CEIP de Guillarei os que asistiron ao Teatro Municipal para visionar a primeira película do ciclo correspondente ao curso escolar 2019/20.