Noticias

A próxima semana comezarán as obras de reordenación da rotonda de Guillarei

Suporán o investimento de case 48 mil € ao abeiro do Plan Concello 2017. Teñen un prazo de execución de dous meses


20 setembro 2019
Tui
Obras rotonda Guillarei

A próxima semana comezarán a executarse as obras de reordenación da rotonda situada no cruzamento entre a N-550 e a PO-404 en Guillarei e o seu entorno actuando nunha superficie de 2.198,11 m2. A proposta a executar ten por obxectivo o embelecemento desta entrada ao centro urbano  dotándoa dun carácter representativo e diferencial, xerando un espazo de baixo e doado mantemento. Suporá un investimento de 47.908,79 euros, financiados ao abeiro do Plan Concello 2017, e será executada pola empresa Calfensa Proxectos SL. .

Esta mañá a concelleira de Urbanismo, Yolanda Rodríguez, xunto aos responsables da empresa adxudicataria e técnicos achegáronse ate o lugar onde se executarán as obras para plantexar in situ o inicio dos traballos.

A rotonda, como elemento principal, centrará as actuacións incluíndo elementos representativos da cidade coma será unha peza de aceiro corten que emulará a muralla tudense. Amais da función estética este elemento servirá para conter o desnivel da rotonda e dividila en dúas zonas, unha de céspede e outra de canto rodado e lousas. Tamén haberá outras dúas estruturas en aceiro corten a modo de columnas catedralicias sobre as que trepará unha parra. Nas zonas axardinadas  combinarase o céspede con rododendros.

Dende o concello faise un chamamento á poboación a circulación con precaución dende a próxima semana nesta rotonda xa que durante dous meses será zona de obras, debidamente sinalizada.