Noticias

Andrea Pousa preestrea mañá o seu novo traballo "Retorno" na programación cultural de San Telmo

Pista Castro e Circo Chosco actuarán tamén maña venres


08 abril 2021
Tui
Andrea Pousa

Música e espectáculos circenses centrarán mañá venres, 9 de abril, a terceira xornada da programación cultural de San Telmo.

Ás 17 h o Paseo da Corredoira volverá a encherse de cor e ilusión co pasarrúas que realizará Pistacatro co espectáculo "O Circo". Volverá actuar ás 19 h.

Xa na carpa situada na Corredoira ás 18h actuará Circo Chosco co espectáculo "Riscando o Ceo". Unha actuación para a que xa non quedan entradas dispoñibles. Un espectáculo para todos os públicos e inspirado no Principiño. Unha representación próxima e moi visual que fai que o público viaxe co perigo e a risa. Na mesma o circo aparece en forma de humor, maxia, risco, malabar, acrobacias e equilibrios imposibles.

Ás 20 h no Teatro Municipal de Tui a artista Andrea Pousa preestrea o seu segundo traballo discográfico "Retorno", nun concerto que chega  da man do programa Musigal da Deputación. Un traballo no que converte en vangarda as súas raíces, marcando un antes e un despois na súa traxectoria musical. Neste traballo Andrea Pousa compuxo gran parte das letras e melodías do álbum baixo a produción do compositor e pianista portugués Paulo Borges. Estará acompañada no escenario por Miquel Queixas, Rafael Morales, Francisco J. Vaz, e Diego Mosquera. Será cunha posta en escena moi coidada e visual na que proxectarán vídeo creacións  e na que participarán tamén seis bailarinas de danza contemporánea.

As entradas poden reservarse gratuitamente en tui.gal, estando o aforo limitado a 180 butacas.

Por outra parte lembramos que pode visitarse na Sala de Exposicións Municipal, na Área Panorámica, a mostra "Estampas anagrámicas de Rafael García Sánchez".

Programación de Actividades de San Telmo 2021

Do 7 ao 12 de abril

  • Na Sala de Exposicións Municipal "Estampas anagrámicas de Rafael García Sánchez"

Venres 9

  • Ás 17 h no Paseo da Corredoira pasarrúas PISTACATRO "O Circo"
  • Ás 18 h na carpa no Paseo da Corredoira CIRCO CHOSCO "Riscando o Ceo"
  • Ás 19 h no Paseo da Corredoira pasarrúas PISTACATRO "O Circo"
  • Ás 20 h no Teatro Municipal ANDREA POUSA "Retorno"