Noticias

Mañá comeza en Tui a campaña "En Negro" contra a violencia de xénero

Para das iniciativas previstas serán en liña na web municipal e nas redes sociais. O 25N terá lugar o acto institucional e proxectarase a película "Tódalas mulleres que coñezo" de Xiana de Teixeiro


19 novembro 2020
Tui
Cartel da iniciativa Tui en negro

Tui súmase un ano máis á campaña En Negro contra as Violencias con motivo do 25 de novembro, o Día Internacional contra a Violencia de Xénero.

Dende mañá venres, 20 de novembro, e até o sábado 28 deste mes o Concello de Tui, a través da concellería de Igualdade, súmase a esta iniciativa de sensibilización que se leva a cabo en Galicia coa participación institucións, empresas, colectivos e centros de ensino.  A campaña este ano, dada a actual situación derivada da pandemia da COVID 19, terá unha importante compoñente virtual a través das redes sociais á que se anima a sumarse á cidadanía, asociacións, empresas, centro de ensino,… coa etiqueta #TuiEnNegro.

As persoas interesadas poden descargar o material da campaña en https://ennegrocontraasviolencias.gal/gl e compartilo nas súas redes sociais xunto a algunhas das etiquetas  #EnNegro2020,   #EnNegro, #ContraAsViolencias, #NonEstásSoa, #QuerémonosVivas.  Tamén se pode recoller o material impreso na casa do concello. Amais dos carteis tamén se distribuirán máscaras e chapas coa imaxe da campaña.

Nas redes sociais municipais - Facebook, Twitter e Instagram – publicarase diariamente o material da campaña dende mañá venres até o sábado 28. Amais serán tamén a plataforma na que se difundan as "Lecturas para a Igualdade" entre o luns 23 e o venres 27. Persoal das librarías tudenses, da Biblioteca Municipal, da comunidade educativa, ou escritoras achegarán a súa recomendación de libros relacionados coa igualdade  e a violencia contra a muller.

Amais o propio mércores, 25 de novembro, dende a casa do concello terá lugar o acto institucional en liña coa lectura do manifesto deste 25N. Tamén o mércores, ás 18 h no Teatro Municipal proxectarase o filme "Tódalas mulleres que coñezo" de Xiana de Teixeiro, con posterior coloquio coa directora. A capacidade do teatro está limitada a 30 espectadores que deberán reservar gratuitamente a entrada en tui.gal. O coloquio poderá ser seguido a través de Zoom.

Neste programa de actividades colaboran as concellerías de Igualdade, Cultura e Servizos Sociais,  deixando patente o compromiso do equipo de goberno na transversalidade das políticas de igualdade.