Noticias

O Concello de Tui recibiu hoxe os bens da extinta Fundación Teatro Principal de Tui


12 abril 2019
Tui
Aceptacións de bens

Na mañá de hoxe tivo lugar na casa do concello de Tui a formalización da aceptación da cesión de bens da Fundación Teatro Principal ao concello. No acto estiveron o alcalde de Tui, Carlos Vázquez Padín, o concelleiro de Cultura e Patrimonio, Eduardo Freiría, o presidente da Fundación Teatro Principal de Tui José Antonio Quiroga e a secretaria Ester Casal. 

A Fundación Teatro Principal de Tui doou 5.925€, que tiña no seu haber, condicionado á publicación do recen editado libro de Suso Vila sobre o propio teatro.  A doazón inclúe 20 camisetas co lema "Renace o Teatro Principal de Tui" da primeira campaña recadatoria, 87 copias de fotografías relacionadas coa actividade do teatro, 80 títulos de accións de copropietarios subscritas o día 31 de decembro de 1892 e unha póliza de operación ao contado do 28 de xuño de 1960,  e dous rótulos de porcelana de "plateas pares" e "plateas impares" recollidas nas ruínas do teatro. Todo este material pasará a formar parte do Arquivo Municipal.

O alcalde de Tui, Carlos Vázquez Padín, tivo palabras de agradecemento á fundación polo seu traballo a prol do teatro e o seu labor "para a divulgación do patrimonio histórico e a creación  de conciencia social da necesidade de rehabilitar este espazo póndoo  na axenda nos últimos 20 anos".

O presidente da Fundación Teatro Principal, José Antonio Quiroga, pediu a próxima corporación, resultante das eleccións do 26 de maio, que recolla a testemuña da actual  na redacción do proxecto para a rehabilitación do teatro.