Noticias

O próximo luns ás 13 no Teatro Municipal terá lugar a entrega dos Premios Cidade de Tui 2021

Os galardoados son a Residencia San Telmo, o escultor Silverio Rivas e Alberto Estévez Piña, a título póstumo


06 abril 2021
Tui
Premios Cidade de Tui 2021

O próximo luns, 12 de abril, ás 13 h no Teatro Municipal de Tui terá lugar a Gala de entrega dos premios Cidade de Tui. Creáronse este ano co obxectivo de recoñecer anualmente aquelas personalidades ou entidades que pola súa dilatada traxectoria teñen contribuído á promoción e potenciación da nosa cidade.

Nesta primeira edición, correspondente ao ano 2021, o xurado designado pola Xunta de Goberno Local tudense acordou conceder os seguintes premios:

  • Categoría colectiva á Residencia "San Telmo" das Hermanitas de los Ancianos Desamparados. Dende 1882 as Hermanitas desenvolven en Tui a súa actividade de acollida aos maiores sen recursos dende aquela no seu Asilo e hoxe Residencia "San Telmo" teñen acollido a cerca de tres mil anciáns e anciás tanto de Tui como de todo o sur da provincia de Pontevedra continuando na actualidade con este xeneroso labor. Ao tempo teñen conseguido a implicación dun amplo sector da sociedade tudense, con actividades de voluntariado e altruísmo a prol dos residentes. Este galardón quere recoñecer esta ampla traxectoria de case 140 anos resaltando o labor da comunidade relixiosa, do persoal do centro e dos numerosos voluntarios que colaboran no mesmo... que o converten nun lugar de referencia para os tudenses.
  • Categoría individual:
    • A título póstumo a Alberto Estevez Piña, recentemente falecido, en recoñecemento a súa persoal traxectoria de incansable animador da vida tudense (con especial referencia ás festas de San Telmo), ao seu traballo de divulgación da nosa historia a través dos seus blogs e publicación con especial lembranza ás dúas décadas de correspondente de "Faro de Vigo" en Tui, o carácter innovador das súas achegas cinematográficas no ámbito do documental "Romaría da morte" (1974) y "Después del silencio" (1978).
    • A Silverio Rivas, en recoñecemento ao escultor ponteareán que instalou, hai xa máis de dúas décadas, o seu estudo na parroquia tudense de Paramos, convertendo este lugar nun enclave de referencia da arte galega e nun espazo integrado no entorno e que enriquece substancialmente o patrimonio cultural tudense coa obra deste egrexio escultor, un dos principais expoñentes da arte contemporánea de Galicia. Silverio Rivas ten colaborado activamente na vida tudense, salientando o seu "Monumento aos represaliados".

O xurado tamén acordou facer constar o recoñecemento a todas as persoas que estiveron na primeira liña da loita contra a Covid e solicitar que se garde un minuto de silencio polas vítimas no acto de entrega destes Premios.

O xurado estivo presidido polo alcalde, Enrique Cabaleiro González, e integrado por Margarita Pino Juste, catedrática da Universidade de Vigo, María Dolores Balseiro, profesora xubilada, Rosendo Bugarín González, médico, Jesús González López, xerente de Utingal, Antonio Alonso Martín, veciño, Jose A, Font Moldes, director da Radio Municipal e Marga Romero Lorenzo, escritora e profesora, actuando como secretario Rafael Sánchez Bargiela, funcionario do Concello.

O acto institucional de entrega destes Premios "Cidade de Tui" contará coa actuación Ramón Corral, percusión; Diego Alonso Vila, gaita; e Óscar e Pablo Mirás Sánchez alumnos de piano do Conservatorio Profesional de Música de Tui.

Para asistir á gala de entrega de premios é preciso reservar entrada de forma gratuíta en tui.gal.