Noticias

Susana Seivane presenta mañá en Tui "FA" o seu disco máis intimista e tenro

O concerto está previsto ás 22.30 h na rúa Compostela dentro do programa Musigal Son Tradición


05 xullo 2019
Tui
Susana Sivane

"Sabendo Miradas", "O Primeiro Baile", "Sentirte, Amarte" ou "Papá Pum Pum" son algúns dos doce temas de "FA" o último traballo discográfico que Susana Seivane presentaba en setembro do ano pasado, e que mañá interpretará en Tui no concerto que ofrecerá a partir das 22.30 h na rúa Compostela.  Trátase dun disco intimista, romántico e tenro inspirado nos sentimentos da súa maternidade. O seu título "FA" son precisamente as iniciais dos nomes dos seus fillos Fiz e Antón. Susana Seivane construíu a través deste temas unha paisaxe sonora na que están presentes as súas raíces con novos matices froito da súa madurez como compositora e instrumentista. 

No concerto xunto a Susana Seivane estarán sobre o escenario Miguel González, saxo; Rubén Deschamps, guitarra e mandolina; Carlos Freire, batería e percusión tradicional e Iago Rodríguez, baixo eléctrico. Amais dos temas de "FA" repasarán tamén outros da súa longa carreira musical, todo nun espectáculo fresco e orixinal.

Este concerto de Susana Seivane chega a Tui dentro do programa "Musigal Son Tradición" da Deputación de Pontevedra.

Susana Seivane naceu no seo dunha das familias con máis prestixio e sona no mundo dos gaiteiros e artesáns de gaitas en Galicia. Con 3 anos da man do seu pai iniciou a súa andaina musical, na que influíron mestres coma o seu avó, Xosé Manuel Seivane, Ricardo Portela e Moxenas. Ao longo dos anos desenvolveu un estilo xenuíno e propio, aberto ao legado e influencias doutras músicas.

Restricións no Tráfico

 Debido á celebración deste concerto de Susana Seivane mañá haberá restrición no tráfico na rúa Compostela. Así o tramo desta rúa comprendido entre a rúa Ourense e Mondoñedo estará pechado ao tráfico e ao estacionamento dende mañá sábado ás 8 h até o domingo ás 8 h. Amais dende as 18 h pecharse tamén o tramo da rúa entre cruzamento entre Mondoñedo e Betanzos.