Noticias

Transplantada unha camelia xapónica de 35 anos aos Xardíns de Troncoso

Foi doada pola familia Ramos-Vieiro á ATUCA, que supervisou o replante xunto coa SEC


14 setembro 2021
Tui
Camelia xardíns troncoso

Nos Xardíns de Troncoso, no Paseo Familia Álvarez Blázquez, foi transplantada estes días unha camelia xapónica, Leonardo da Vinci, que foi cedida pola familia Ramos-Vieiro á Asociación Amigos Tudenses da Camelia, ATUCA.

Este exemplar, duns 35 anos, foi trasladado dende Santiago até Tui e o transplante aos Xardíns de Troncoso foi realizado o pasado xoves baixo a dirección de ATUCA e da Sociedade Española da Camelia, SEC, coa colaboración do Concello de Tui.

Esta actuación forma parte dos primeiros pasos que se están a dar dende Tui para incorporar ao municipio á Ruta da Camelia. Precisamente a plantación de camelias de variedades galegas e portuguesas recóllese no anteproxecto para a recuperación da Alameda de San Domingos realizado pola arquitecta María Fandiño.  Este proxecto será remitido á comisión do Plan Especial de Protección do Conxunto Histórico, PEPCHA, xa que tras a solicitude de informe previo a Camiño de Santiago, foi devolvo sen informar alegando que ao estar aprobado o PEPCHA debe ser levado xa a esta comisión.