Noticias

Tui tínguese de negro para conmemorar o 25N

Convídase á cidadanía e ao tecido económico, asociativo, educativo, deportivo, social e cultural á sumarse á campaña


20 novembro 2019
Tui
Tui en negro

Tui tínguese de negro para conmemorar o Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller co obxectivo de sensibilizar e implicar á poboación contra as violencias machistas.

O Concello de Tui adheriuse de novo este ano á campaña "En negro contra as violencias" na que este ano participan máis de 130 concellos galegos. O obxectivo é fomentar unha acción de sensibilización cidadá contra as violencias machistas no ámbito municipal. Tamén persegue implicar ao tecido económico, asociativo, educativo, deportivo, social e cultural, así como a toda a cidadanía, nunha resposta colectiva de rexeitamento da violencia de xénero e dos asasinatos machistas.  Dende o Concello de Tu convídase á poboación a sumarse a esta campaña tinguindo Tui de negro dende hoxe mércores, 20 de novembro, até o sábado día 30. 

Coma inicio da campaña Tui En Negro este mediodía colócase unha lona na fachada da casa do concello.  E dende hoxe repartirase material da campaña Tui En Negro entre o comercio, hostalería e centros públicos, os interesados poden tamén recoller este material no departamento de Servizos Sociais na casa do concello. Este sábado, 23 de novembro,  dende ás 10 h repartiranse mandís da campaña "Tui en Negro" entre as persoas que se acheguen á praza de Abastos.

Dentro das accións programadas pola Concellería de Igualdade para este 25N está tamén a iniciativa "Tui soña" que dende comezos de mes está en marcha en todos os centros educativos de Infantil e Primaria de Tui. Tense convidado os colexios a "soñar cun mañá mellor a través das voces dos nenos e nenas" segundo explica a concelleira de Igualdade, Ana Mª Núñez.  En concreto a proposta consiste en que cada centro decore unha silueta de muller, aportada polo Concello, con frases, debuxos, poesía…en positivo. Este traballo realizado polo escolares exponse inicialmente en cada centro educativo, e o próximo luns será entregado na casa da concello, para a súa exposición durante unha semana, posteriormente na Sala Municipal na Área Panorámica, e a continuación as siluetas serán expostas en distintos locais comerciais e de hostalería facendo chegar así a mirada de optimismo dos cativos e cativas cara ao futuro á poboación en xeral.

Este domingo, 24 de novembro, ás 11 h sairá da praza de San Fernando a I Andaina "Camiño á liberdade" contra a violencia de xénero. Realizará un percorrido pola ruta dos Muíños do río Tripes e haberá unha muiñada. A dificultade da ruta, que regresará ao punto de partida, é doada e terá unha duración aproximada 2 h 30 minutos.  Para participar nesta andaina é preciso inscribirse até o propio domingo na Oficina de Turismo, no correo turismo@tui.gal ou no teléfono 677 41 84 05.

O próximo luns, 25 de novembro, está previsto o acto institucional da campaña, ás 12 h na praza de San Fernando.  Consistirá na lectura dun manifesto, na exposición das siluetas de mulleres da campaña "Tui soña" cos deseños realizados polo alumnado e Infantil e Primaria, e contarase coa actuación musical do alumnado dos distintos centros educativos tudenses. Dende o Concello convídase á cidadanía a participar no acto vestidos de negro ou cunha prenda negra en sinal de do polas vítimas da violencia de xénero.

O sábado, 30 de novembro, impartirase o curso gratuíto "Autodefensa para mulleres ante situacións violentas" concedido pola Secretaría Xeral da Igualdade da Xunta de Galicia. Será de 10 a 14 h e de 17 a 20 h no pavillón do CEIP nº2. Será impartido por monitores especialistas en defensa persoal da Federación Galega de Loita. Trátase dun curso de adestramento físico e psíquico para crear protocolos de actuación ante diversas situacións.

As mulleres interesadas en realizar o curso deben cubrir o impreso de solicitude, que poden descargar da web municipal ou recoller na casa do concello, e presentala por rexistro de entrada ou na sede electrónica do Concello de Tui. Ofértanse 15 prazas que se cubrirán por orde de solicitude, tendo preferencia as mulleres empadroadas no Concello de Tui.

Programa

  • Mércores 20
    • Inicio da Campaña Tui En Negro coa colocación da lona na casa do concello e do material da campaña en edificios públicos, establecementos comerciais, hostaleiros… e nas redes sociais municipais
  • Sábado 23
    • Ás 10 h repartiranse mandís da campaña "Tui en negro" entre as persoas que se acheguen á praza de Abastos.
  • Domingo 24
    • Ás 11 h I Andaina "Camiño á liberdade" contra a violencia de xénero. Saída da Praza de San Fernando. Percorrido pola ruta dos Muíños do río Tripes e muiñada. Duración aproximada 2 h 30 minutos.  Inscrición previa na Oficina de Turismo ou no correo turismo@tui.gal ou no teléfono 677 41 84 05.
  • Luns 25
    • Lectura dun manifesto, exposición das siluetas de "Tui Soña" e actuacións musicais dos centros educativos.
  • Sábado 30  
    • Dende ás 10 h Curso de Autodefensa para mulleres ante situacións violentas no pavillón do CEIP nº2